ALCALDÍA

O Rosalía de Castro de Santiago, segundo aeroporto de España en crecemento de viaxeiros e primeiro en carga

18/11/2022 No que vai de ano, o aeroporto Rosalía de Castro de Santiago ocupa a primeira posición a nivel español en crecemento no tráfico de mercadorías e a segunda posición no que se refire ao incremento de viaxeiros. O alcalde de Santiago fixo balance esta mañá dos últimos datos "excepcionais e históricos" do aeródromo compostelán dos que destacou a chegada de 2.790.000 pasaxeiros e de máis de 4.000 toneladas de mercadorías. Sánchez Bugallo conta con superar este ano os 3 millóns de pasaxeiros vía aérea e acadar a misma cifra a través do transporte ferroviario.

O alcalde de Santiago deu conta esta mañá dos últimos datos sobre a actividade aeroportuaria da cidade que cualificou como "unhas cifras extraordinariamente positivas e que superan todas as expectivas". O rexedor anunciou que, nos primeiros dez meses do ano, o Rosalía de Castro "recibiu 2.790.000 viaxeiros, un 63% do total de persoas chegadas aos aeroportos galegos e 4.000 toneladas de carga, o que supón o 86% do cómputo total a nivel rexional". Ademais, con respecto ao ano 2019, "estas cifras constitúen unha suba acumulada do 25,8% no número de pasaxeiros e do 21,2% en tráfico de mercadorías", datos moi salientables, segundo explicou o alcalde, tendo en conta "que o conxunto dos aeroportos españois sufriron unha baixada dun 14,5% en carga e dun 2,9% en número de pasaxeiros con respecto ao 2019".

Santiago convértese así no "segundo aeroporto de España con máis crecemento no número de chegadas, por detrás do de Menorca, e o número un no que se refire ao aumento de tráfico de mercadorías", un éxito que Sánchez Bugallo atribúe á "política aeroportuaria seguida nos últimos 20 anos apostando pola diversificación de destinos e compañías aéreas".

Con respecto á chegada de viaxeiros vía ferroviaria, o rexedor amosouse confiado en que os datos da estación de tren da cidade "batirán o récord histórico acadando os 3 millóns de viaxeiros e superando con creces os 2,6 millóns do 2019". Unha cifra que tamén prevé será superada polo aeroporto "neste mesmo mes de novembro e chegue aos 3.300.000 tras as Festas do Nadal"

Próximos plenos municipais

Dutante a rolda de prensa o alcalde tamén anunciou as datas dos vindeiros plenos ordinarios do Concello de Santiago, que terán lugar o 30 de novembro e o 21 de decembro.

Compartir: