ACCIÓN CULTURAL

A Banda de Música, en colaboración con Amigos da Ópera, leva ao Auditorio este domingo "Son de contos", un espectáculo infantil de balde que combina música e narración

17/11/2022 O próximo domingo, ás doce do mediodía, terá lugar no Auditorio de Galicia, o espectáculo "Son de contos", organizado polo Concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural, coa colaboración da Asociación Amigos da Ópera. A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela pon a melodía a tres obras da literatura infantil, narradas pola escritora Ledicia Costas, con coros do Terra A Nosa e voz da soprano Clara Planas.

"Son de contos" é un espectaculo de balde destinado principalmente á cativada e ás familias, no que se van interpretar tres contos. Para asegurar a entrada, compre realizar a reserva no despacho da Zona C (Praza de Cervantes) ou na plataforma dixital compostelacultura.gal. Tamén se admitirá, ata completar aforo, a entrada de persoas que non dispoñan de reserva e que se acheguen ata o Auditorio de Galicia no mediodía do domingo.

"Son de contos" é unha idea orixinal de Vicente Couceiro Bueno e enmárcase na temporada 2022/2023 da Banda Municipal de Santiago. É a primeira vez que en Galicia se fai unha audición deste tipo cunha banda de música. As adaptacións das composicións musicais levounas a cabo Casiano Mouriño, ex directora da Banda de Música de Santiago de Compostela, que o próximo domingo volverá coller a batuta para dirixila, nun espectáculo "Son de Contos", que ten como obxectivo pór en valor a narrativa oral de temática infantil de distintos escritores galegos.

As persoas que asistan a "Son de contos" poderán ver un espectáculo dividido en tres partes. A primeira, o conto de Manuel Lourenzo "A galiña, o lagarto e o burro’, con partitura do compositor pontevedrés Fernando Ruibal. A segunda peza, "Un cesto cheo de misterios", baseada nunha narración da académica e Premio Nacional de Literatura Fina Casalderrey, musicouna o pianista lituano Julius Andrejevas, falecido en 2016, e que viviu dez anos en Vigo. O último conto, que pechará o espectáculo, é ‘Os xigantes de nunca acabar’, escrito por Xoán Babarro e Ana María Fernández, ao que lle pon música Carlos M. Cambeiro.

Ledicia Costas

Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais, 2000). Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos coma o Premio Merlín de literatura infantil pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015 e entrou a formar parte da Lista de Honra do Ibby.

Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015. No 2017 volve gañar ese mesmo premio coa novela A balada dos unicornios e no 2022 recibe novamente este galardón pola súa novela xuvenil A lebre mecánica. No ano 2019 publica Infamia e un ano despois recolle o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria. En 2021 consegue por segunda vez o Premio Merlín, nesta ocasión pola súa obra O neno de lume. En 2022 gaña o XX Premio de Poesía Afundación con Ultraluz.

Direcciones relacionadas



Compartir: