ACCIÓN CULTURAL

'MiiC na Rúa' leva a arte ao espazo público con intervencións nos escaparates da rúa do Vilar

15/11/2022 'MiiC na Rúa' é unha actividade impulsada polo Concello de Santiago que se desenvolve dentro do marco de IMAXINARIA, a IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC4) que se pode visitar na actualidade na Sede Afundación. A actividade consiste na realización dunha serie de intervencións artísticas simultáneas que se levarán a cabo na icónica rúa do Vilar, e que buscan recalcar o sentido de que a mostra toma a rúa.

Cada ilustrador ou ilustradora realizará a súa intervención de forma presencial, in situ, para que así os viandantes poidan ver de primeira man o seu proceso creativo. As intervencións levaranse a cabo sobre as cristaleiras de emblemáticos escaparates da rúa como a Sombreirería Iglesias ou a Mercería Algui. Completan o percorrido a librería San Pablo e o escaparate de Asthor decoración.

Os artistas encargados de ilustrar ditos escaparates sonos galegos Berto Fojo, Natalia Umpiérrez, Perrilla e Twee Muizen, artistas que tamén expoñen en IMAXINARIA, IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea.

Durante o proceso de creación situarase no lugar da intervención un roll-up informativo, e ao rematar a obra colocarase unha cartela cun código QR onde se poderá acceder á información da actividade e a mostra. Ademais, toda a actividade documentarase audiovisualmente a través da realización dun vídeo resumo do acontecido, e que favorecerá a súa difusión nas redes.

MiiC na Rúa persigue dinamizar o espazo público que rodea a mostra, concretamente as rúas que a circunda, buscando que estas se identifiquen como unha extensión natural da propia exposición, acercando a ilustración ao día a día do casco histórico de Santiago, funcionando como reclamo para visitar a propia exposición que se atopa localizada na mesma rúa, ao mesmo tempo que se pon o foco na importancia dos comercios locais como dinamizadores económicos e culturais.

As intervencións comezarán pola tarde, a partir das 16.30h e unha vez rematadas poderán verse, a lo menos, durante un mes, establecendo unha ruta ilustrada exclusiva na que arte e comercio local se fusionan para encher de creatividade o casco histórico da cidade.

Compartir: