XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba varios convenios de colaboración con entidades deportivas, entre elas o club de baloncesto Obradoiro

10/11/2022 A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe o borrador de dous convenios co Obradoiro Club de Amigos Baloncesto SAD, por 120.000 euros; e co Club Victoria de Santiago de Compostela, por 12.000 euros.

Estes 132.000 euros en subvencións nominativas para o ano 2022 súmanse ao dos outros seis convenios con entidades deportivas aprobados o 8 e 9 de novembro por importe de 135.500 euros. Suman en total 276.500 euros, dos que se beneficiarán, ademais do Obradoiro e o Club Victoria, a Sociedade Deportiva Compostela, cunha subvención de 65.000 euros; e Special Olypics Galicia, Club Triatlón Santiago, Club Arteal Tenis de Mesa, e Club Atletismo Santiago e FEDESA, a Fundación Educación e Deporte de Santiago, con importes xa de menor contía.

Anteriormente tamén se asinaran acordos con outras entidades deportivas para o presente exercicio. Entre elas a Federación Española de kárate e DA, a Federación Galega de Judo e DA, a Federación Galega de Baloncesto, o Club Atletismo Fontes do Sar, o Club Ciclistas Compostelano, a Federación Española de Loitas Olímpicas e DA, e a Federación Galega de Kárate e DA.

Animais domésticos

Por outra banda, o goberno municipal acordou aceptar a axuda de 12.778,07 euros, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia.

Estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados, neste caso no Refuxio de Bando. Financian gastos derivados de actos clínicos, como a esterilización cirúrxica o a implantación de microchips; a manutención dos animais; ou a aplicación das medidas profilácticas necesarias
para garantir o bó estado físico e sanitario do animal e a prevención de
enfermidades infectocontaxiosas, relativos á vacinación preventiva e á
desparasitación.

Compartir: