PROMOCIÓN ECONÓMICA

Santiago acolle un encontro de representantes do cooperativismo do todo o estado no marco da Capitalidade da Economía Social 2022

07/11/2022 Como punto de inicio deste encontro organizado por Espazocoop, os asistentes completaron esta mañá unha etapa do Camiño de Santiago e foron recibidos a continuación no Pazo de Raxoi polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Na recepción tamén participou a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, así como a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, e o presidente de COCETA, Luis Miguel Jurado.

Galicia convértese estes días no centro do cooperativismo estatal cun Encontro de visibilización e intercooperación entre representantes do cooperativismo de traballo asociado, estatal e galego organizado pola Unión de Cooperativas Espazocoop que comezou esta mañá no marco dos distintos actos da Capitalidade da Economía Social 2022 de Santiago.

A primeira das actividades deste encontro foi a realización dunha etapa do Camiño francés que comezou no Monte do Gozo e rematou na praza do Obradoiro coa chegada á Catedral no que participaron membros do Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) e de EspazoCoop. A continuación o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recibiron a comitiva, encabezada pola presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira e o presidente de COCETA, Luis Miguel Jurado.

Durante o acto, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, salientou que a capitalidade de Economía Social de Santiago deste ano "foi un grandísimo acerto que aínda que tivo que superar algún obstáculo no seu arranque, logrou saír adiante con moito éxito e desenvolvendo un gran número de iniciativas que puxeron en valor a economía social", grazas "ao entusiasmo de tanta xente e ao apoio das diferentes institucións implicadas". Ademais, o rexedor fixo fincapé nas fórmulas de economía social como "unha excelente solución para que os galegos e as galegas poidan apostar pola innovación e o emprendemento", evitando así que "as novas xeracións teñan que construír o seu futuro fóra de aquí, especialmente nestes tempo crise e incertidume".

A conselleira María Jesús Lorenzana recordou o compromiso da Xunta coa Economía Social: "nos orzamentos para este 2023 incrementamos case nun 21 por cento os fondos destinados a cooperativas, entidades sociais e centros especiais, mobilizando máis de 42 millóns de euros para iso. É dicir, 27 de cada 100 euros (26,80 euros) da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social destínanse a este modelo económico para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego ligado á Economía Social, incluíndo novos programas de axuda que van desde aceleradoras de emprendemento que permite recuperar negocios sen substitución xeracional a través de fórmulas de Economía Social ata outros que inciden na transformación dixital destas entidades, ou que reforzan a visibilización das potencialidades da Economía Social e a interconexión entre os seus participantes".

Na súa intervención, Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop agradeceu "ás institucións a súa colaboración e presenza neste encontro no que participa unha gran representación do cooperativismo galego e estatal. Este ano Santiago de Compostela é capital da economía social e desde EspazoCoop buscamos organizar un encontro para compartir experiencias, coñecementos e construír un movemento cooperativista forte. Cada ano aumentan o número de cooperativas e entidades da economía social en Galicia, no estado e en todo o mundo, os nosos valores cada vez están máis estendidos e, na situación económica na que estamos, non só demostramos que as cooperativas presentan maior resiliencia, tamén son entidades que poñen as persoas no centro, cun coidado que as formas máis tradicionais do capitalismo non teñen en conta".

Pola súa banda, o presidente de COCETA, Luís Miguel Jurado, agradeceu a intensa actividade que se está a desenvolver en 2022 para fomentar o cooperativismo e o conxunto da economía social con motivo da capitalidade de Santiago, desde as institucións e organizacións representativas galegas, como neste caso, a nosa socia EspazoCoop. Jurado destacou a importancia "da colaboración público-privada para conseguir que un modelo alternativo que demostra de maneira continua que conleva máis beneficios para a nosa sociedade con traballo de calidade e achegando riqueza ao territorio, sendo economicamente rendible e sostible, sexa cada vez máis maioritario". Reclamou "transversalidade nas políticas" e "implicación desde o estatal ao local, que os marcos lexislativos conéctense, recoñecendo as particularidades de cada territorio". Como exemplo, o presidente de COCETA lembrou que en Galicia "está pendente esa reforma da Lei de Cooperativas, de maneira que sexa un texto adaptado ás novas realidades e dea respostas específicas a grandes e pequenas cooperativas de traballo, porque non ten sentido que a burocracia sexa a mesma cando as características dunhas e outras nada teñen que ver. Igualmente, é importante que a Estratexia galega de Economía Social sexa unha estratexia de Goberno, que entronque coa estratexia estatal e co Plan de Acción europeo. Só así é como conseguiremos transcender de verdade, colaborando e traballando en coordinación para que os logros, como nas cooperativas, sexan colectivos".

Actividades do martes
O martes este encontro desenvolverá varias actividades na área de influencia da Coruña, comezando cunha recepción ás 9:30 no Concello da Coruña. A continuación os asistentes desprazaranse ao Pazo de Mariñán onde terá lugar o Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA). O último acto deste encontro estatal será unha recepción ás 14 horas co Presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Espazocoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperavismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

COCETA
COCETA é a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado, organización representativa das empresas cooperativas de traballo do Estado Español. Constituída en 1986 como Asociación Cooperativa, de carácter confederal e multisectorial. Está integrada polas Federacións/Unións/Asociacións de Cooperativas de Traballo das diferentes CCAA. COCETA entende o cooperativismo como unha forma de emprender, creando empresas baseadas nos principios de democracia, autogestión, solidariedade e responsabilidade social. A cooperativa de traballo representa un modelo ético de participación e xestión económica e empresarial que contribúe ao crecemento socioeconómico da localidade onde se sitúa, á creación de emprego estable, á loita contra a exclusión, á cohesión social e á integración igualitaria das persoas. COCETA representa a máis de 17.600 cooperativas de traballo en toda España e 305.291 empregos directos.

Compartir: