ACCIÓN CULTURAL

O Xardín das Pedras que Falan conta xa coas verbas do poeta galego José Ángel Valente e do sirio Adonis

04/11/2022 Esta mañá inauguráronse dúas novas inscricións no Xardín das Pedras que Falan, anexo á Fonseca, debidas ao poeta galego José Ángel Valente e ao poeta sirio Adonis, dous autores que "comparten universalidade", segundo destacou o alcalde. No acto de inauguración tamén contou coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o reitor da USC, Antonio López; o poeta Claudio Rodríguez Fer, en condición de director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, e o propio poeta Adonis que se desprazou expresamente dende París, onde vive exiliado.

A tradución das verbas de Adonis recollidas na inscrición é "Cando o sol sae, a veces son eu a resposta", unha afirmación en clave de grito vital. Adonis, que tamén estivo presente no acto, constitúe un dos principais poetas en árabe na actualidade, polo que foi reiteradamente proposto para o Premio Nobel de Literatura.

Durante o evento, Xosé Sánchez Bugallo puxo en valor as conexións entre Santiago e Siria "tanto ese Oriente próximo, ao que agora lle chamamos medio; como este Finisterre pertencemos ao antigo Imperio romano que deixou unha herdanza profunda tanto en Galicia como na propia Siria".

A segunda pedra gravada recolle a cita "Aquí -dónde- todo lo borra el aire para siempre", que pertence ao poeta natural de Ourense, Jose Ángel Valente. O poeta e ensaísta cultivou a meirande parte da súa obra en castelán, contando como referencia no galego as Cántigas de alén.

Estas dúas novas pezas súmanse ás xa presentes nestes espazo. Ademais prevese que coincidindo con 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, se inauguren outras tres pedras, con versos das poetas Olga Novo, Laura Pugno, e Moon Chung Hee.

Recital

Esta tarde ás 19:00 horas, terá lugar no Salón Nobre de Fonseca un recital poético de Adonis que contará de novo coa súa presenza. Nel intervirán as autoridades correspondentes; a ensaísta, doutora en Literatura Francesa e catedrática de Francés María Lopo, quen fará de intérprete do escritor, e o citado poeta Claudio Rodríguez Fer, quen presentará a Adonis e quen lerá a tradución dos seus poemas.

Adonis

O poeta homenaxeado naceu e formouse en Siria, pero viviu moito tempo no Líbano, ata que finalmente se exiliou en París. Alí exerceu como delegado da Liga Árabe na UNESCO e como profesor de literatura árabe na Sorbona, pero tamén exerceu a docencia como profesor e investigador visitante en Xenebra, Princeton e Berlín.

En 2012, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, coincidindo co mesmo nomeamento do escritor galego Claudio Rodríguez Fer, con que mantén amizade e colaboración literaria dende entón.

Moi novo adoptou o seu pseudónimo pagán, Adonis, nome do vello mito de orixe sumeria, babilonia e fenicia adoptado polos gregos que o liberou das ataduras relixiosas do seu nome familiar. Segundo Claudio Rodríguez Fer, "Adonis modernizou a poesía árabe e mundial cun experimentalismo aberto que combina o verso libre co poema en prosa, a composición brevísima co poema torrencialmente extenso, a estrutura dramática con diálogos imposibles, por exemplo con Lincoln ou con Whitman. Ademais, Adonis achegouse deliberadamente á poesía máis visionaria de Federico García Lorca, con cuxo Poeta en Nueva York dialogou na obra expresionista Epitafio para Nova York, moi crítica co capitalismo salvaxe e co imperialismo norteamericano".

Compartir: