MOCIDADE

Nova edición do festival de muralismo Compostela Contemporánea, con dúas intervencións programadas en Pontepedriña e Conxo

02/11/2022 Santiago acolle, este mes de novembro, unha nova edición de Compostela Contemporánea "Festival de Muralismo e Intervencións Urbanas" que contempla, entre os seus obxectivos, a rexeneración artística de espazos urbanos deteriorados ou abandonados; e o achegamento da arte urbana á cidadanía. Presentárono hoxe o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol; Javier Mourón Figueroa (Mou), de Mutante Creativo; e Marcos Couso Sánchez (Sokram), un dos muralistas que participará no evento.

Da man do estudio especializado en arte urbana Mutante Creativo, que dirixe e comisaria o evento, esta quinta edición do festival contará con dúas intervencións murais de gran formato por parte de dúas figuras galegas de ampla traxectoria. O ordense Sokram intervirá na praza de León número 1, na proximidade do barrio de Pontepedriña, e Twee Muizen farao na rúa do Ceo, número 21, no barrio das Cancelas. As dúas obras sumaranse ao xa extenso patrimonio muralístico compostelán que medra ano tras ano co festival. Está previsto que comecen o sábado día 5 de novembro, se a climatoloxía o permite. As intervencións durarán preto dunha semana, dependendo das condicións meteorolóxicas.

O festival tamén contempla unha clase maxistral sobre muralismo, impartida polo coñecido artista Sekone, na que o alumando de Bacharelato Artístico do IES do SAR creará unha nova obra mural. Este actividade formativa terá lugar os días 14 e 15 de novembro. As e os participantes terán a roportunidade de coñecer de preto as diferentes técnicas e procesos pra levar a cabo un mural de gran formato.

Ademais da finalidade formativa, o festival "Compostela Contemporánea" ten por obxecto contribuír á rexeneración de espazos urbanos deteriorados, abandoados ou en desuso; e á dinamización, por medio da arte, destas zonas, converténdoas nun espazo máis amable, que convide ao desfrute, ademais de aumentar o seu interese a nivel patrimonial, de lecer, e turístico. Neste senso, tamén pretende servir coma un actor rehabilitador, cultural, social e económico para a cidade, mediante a rexeneración urbana e o crecemento dun tráfico constante cara á cidade dun novo turismo diferenciado e especializado en arte de rúa, algo distinto ata o de agora en Santiago pero cun gran éxito e resultados a nivel internacional.

Compartir: