ACCIÓN CULTURAL

Artes escénicas, visuais, poesía, música e contos no Festival C que se celebra en agosto en Compostela

26/07/2022 Ao longo do mes desenvolveranse máis de 30 actividades dirixidas a todos os públicos e totalmente de balde. Os luns haberá propostas de danza, os martes de música e contos e os mércores será o día do circo e da poesía. Ademais complétase a proposta con xogos para a cativada e dúas intervencións de artes visuais.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá na Casa do Concello o Festival C xunto ao deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto. O Festival C é o evento que vén celebrando nos últimos anos Compostela Cultura, a través do Auditorio de Galicia, para ofrecer unha programación variada e para todos os públicos ao longo do mes de agosto na cidade, maioritariamente na rúa. Todas as actividades serán de balde e van desde as artes escénicas e visuais ata a música, pasando polas letras con contos e poesía.

Luns de danza, martes de música e contos e mércores de circo e poesía
Os luns teremos danza no Cemiterio de Bonaval, sempre ás 20 h. O día 1 empezamos con ‘Emerxe’ de Galicia Danza Contemporánea que previamente, pola mañá, ofrecerán tres obradoiros dirixidos a distintos públicos, para continuar o día 8 con ‘Meeting Point’ de Ertza, dentro do ciclo Danza a Escena. O luns 22 chega Elvi Balboa co seu ‘Nasenda’ e pechamos a programación de danza o día 29 con Vacaburra e a Ukestra do Medio que presentan ‘Extravíos’.

Os martes teremos música: o día 2 ás 20 h co ‘Tierra y LIbertad’ de Wilson Saliwonczyk na Alameda e o día 30 teremos tres eventos (unha conferencia, un concerto e unha sesión DJ) arredor da clausura de Cardinais, a Academia de Vertixe Sonora 2022, ao longo da tarde e en diferentes espazos da cidade.

E os martes tamén serán os días dos Contos no Parque, unha proposta do departamento de Lingua do Concello de Santiago dirixida aos e ás máis pequenas da casa. A cita será cada semana ás 18 h na zona dos arcos do parque de Bonaval e alí poderemos gozar o día 2 con Teatro Ghazafelhos e ‘A caixa sen Pandora’, o 9 coa ‘Roupa tendida’ de Xarope Tulú, o 16 con ‘Coser e cantar’ de Marta Ortiz, o 23 con A xanela do Maxín e o seu ‘Lúa quere viaxar a Marte’ para pechar o ciclo o día 30 con ‘Terra’ de Xogos Miudiño e ‘Orella pendella’ de Bea Campos.

Dentro das artes escénicas, ademais da danza, teremos unha ampla proposta de circo que concentramos os mércores. Todos os eventos serán ás 20.00 h e na praza da Quintana agás o primeiro, ‘Pelat’ de Joan Catalá que será en Bonaval, xunto ao CGAC, o día 4. Os outros serán o 11 ‘Poi’ da Compañía d’es Tro, o 18 ‘MLM (Mentir lo Mínimo)’ de Alta Gama e o 25 ‘Kaldi’ de Al Grano. Ademais, haberá como xa é habitual ‘Circo no parque’, os obradoiros de circo para nenos e nenas de 3 a 14 anos con Circonove. Serán no Centro Xove da Almáciga, tamén os mércores pero de 11.30 a 13.30 h e haberá que inscribirse previamente en circonoveoficina@gmail.com.

Os mércores non só serán o día do circo, senón tamén da poesía coa proposta ‘Os fíos, as sementes’ que nos ofrece diversas voces ás 20.00 h no parque da Alameda, xunto á estatua de Lorca. O día 10 Alicia Fernández e Berta Dávila presentan ‘Poemas novos e vellos para un día de verán’, o 17 estará Jesús Castro Yáñez con ‘Seguir un rastro’, o 24 Isaac Xubín con ‘Non todo será silencio’ e pechamos o 31 con Cinta Adhesiva.

Xogos e exposicións completan a proposta
As actividades do Festival C complétanse co Territorio Xogantín para a rapazada de 6 a 10 anos que ten unha cita para divertirse coa lingua galega como fío condutor todos os días do 1 de agosto ao 2 de setembro na praza 8 de marzo de 11.30 a 13.30 h. Trátase dun tempo de socialización a través do xogo e o patrimonio lingüístico vinculado a el, no que a cativada interaccione nun ambiente en que o galego é a lingua de referencia e se apropie do espazo público. Acolleranse participantes por orde de chegada ata completar o máximo de 20 e en caso de choiva será no CSC da Caramoniña.

E, por suposto, teremos as dúas intervencións de Artes Visuais que ten abertas neste momento Compostela Cultura. No Auditorio de Galicia, ‘Sons improbábeis’ comisariada por Iñaki Martínez Antelo e na que podemos ver a proposta de 15 artistas que traballan co musical como tema dende disciplinas máis tradicionais da práctica artística como a pintura ou a escultura explorando as diferentes dimensións do son dentro das artes visuais. Do 15 ao 28 de agosto e as tardes dos domingos, o Auditorio estará pechado. O resto de días pode visitarse de 10 a 14 e de 16 a 20 h.

Na Zona C está ‘El jarrón infinito’, intervención que Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) contextualiza na investigación procesual e teórica que vén desenvolvendo ao situar a materialidade das cousas no seu centro de interese. Estará aberta de martes a sábado de 11 h a 14 (agás festivos).

Direcciones relacionadas



Compartir: