CONSORCIO

O Consorcio de Santiago aproba un novo incremento das axudas á rehabilitación de vivenda

24/07/2022 O Consello de Administración e a Comisión Executiva do Consorcio celebrados este domingo deron o visto bo á cuarta suba consecutiva da partida destinada ao programa 'Ter É Manter'

O Consorcio de Santiago celebrou na tarde deste domingo a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Así mesmo, asistiron Jesús Manuel Gómez García, subsecretario do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e vicepresidente do Consorcio, Román Rodríguez González; e o conselleiro de Facenda e Administración Pública Pública, Miguel Corgos López-Prado. Tamén participaron os voceiros dos grupos municipais.

No transcurso das xuntanzas aprobáronse as contas xerais do organismo correspondentes a 2021 co seu correspondente informe de auditoría favorable, e a proposta de orzamento para a confección dos Presupostos Xerais do Estado 2023 solicitada pola Administración Xeral do Estado o mes pasado. Tamén as programacións da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais para a temporada e o curso que comezan en outo.

Ademais, entre outros asuntos de trámite administrativo, recibiron o visto bo varias modificacións orzamentarias, a Oferta Pública de Emprego Ordinaria de 2022 e as bases de contratación de persoal artístico da Real Filharmonía de Galicia.

Orzamento
Un dos acordos desta xuntanza do Consello de Adminstración foi o de incrementar a partida de rehabilitación de vivendas ata os 700.000 euros, sendo o cuarto incremento anual consecutivo desde o exercicio 2019, dado que este ano tamén se esgotou o crédito dispoñible. Este acordo será ratificado na reunión do mes de decembro na que se concretará definitivamente o orzamento do ano 2023.

Con esta partida, permitirase continuar coa liña de axudas dentro do programa 'Ter É Manter' que vén desenvolvendo o Consorcio nos últimos anos e permite o mantemento das envolventes exteriores e a rehabilitación das carpinterías de madeiras e reixas dos edificios de titularidade privada, prestándose especial atención ás actuacións dirixidas ao aforro enerxético e que na convocatoria 2022 superou as cen solicitudes.

Actuacións en curso
Nesta xuntanza na véspera do Día do Apóstolo, deuse conta da evolución dos proxectos en marcha coma os Plans Especiais de Conxo e do Camiño Francés, o Plan Director da Alameda, así como da finalización das obras de reparación das cubertas do Pazo de Raxoi, da cuberta telescópica das piscinas do Complexo Multiusos Fontes do Sar e do Plan Director de Xeografía e Historia. Tamén da redacción do novo proxecto da cuberta do Pazo de Congresos, a subvención recibida de fondos europeos para a contratación do persoal mozo en prácticas.

Deuse a coñecer ademais, a inminente licitación da reparación da fachada principal do Pazo de Raxoi, da pasarela que unirá os dous corpos de Santo Domingo de Bonaval ou as obras de remodelación da contorna da Colexiata de Sar.

Compartir: