XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno da luz verde á contratación temporal de 20 persoas desempregadas

20/06/2022 O Concello de Santiago contratará, durante nove meses, a 20 persoas desempregadas, segundo se acordou hoxe en Xunta de Goberno. Un encontro no que tamén se deu conta da aportación da Xunta para a capitalidade, que é de 2.392.425 euros; e no que se aprobou o procedemento de concesión de subvencións á rehabilitación ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016 correspondentes ás Fases 1 da área de rexeneración e renovación urbana do barrio de Vite. A esta convocatoria destinaranse 298.264.96 euros. Dos acordos adoptados informou en rolda de prensa, o alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo.

A Xunta de Goberno, na súa reunión de hoxe, acordou aceptar da subvención da Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade por importe de 260.854,92 euros para a contratación temporal de 20 traballadores/as para as seguintes ocupacións: 1 persoa para apoio técnico administrativo; 4 persoas de apoio administrativo; 4 persoas de apoio auxiliar administrativo; 4 persoas de apoio na atención ao público e 7 oficiais de obras. Os contratos terán unha duración de nove meses, e segundo a proposta aprobada polo goberno municipal, a contratación terá que realizarse, como data máxima, o 1 de xullo de 2022.

O executivo municipal tamén tomou coñecemento da sinatura do convenio de colaboración entre o concello de Santiago e a Xunta de Galicia para sufragar os gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma de Galicia. O goberno galego, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, estableceu para 2022 unha dotación específica para o concello de Santiago por un importe de 2.392.425 euros no marco da Lei 4/2002, do 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade.

Subvencións
A maiores, aprobouse a convocatoria e inicio de oficio do procedemento de concesión de subvencións á rehabilitación ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2013_2016 correspondentes ás Fases 1 da área de rexeneración e renovación urbana do barrio de Vite do concello de Santiago de Compostela. A esta convocatoria destinaranse 298.264.96 euros.

Terán a consideración de actuacións subvencionables, dacordo co disposto no artigo 26.1.a) do R.D. 233/2013 e no artigo 9 da Orde do 23 de xuño de 2017, as definidas no artigo 124 do Plan xeral de ordenación municipal vixente sobre "Actuacións nos edificios existentes", que se efectúen sobre elementos e instalacións comúns de edificios de uso residencial colectivo.

Dacordo co disposto na citada orde, as actuacións obxecto de subvención deberá cumprir cos seguintes requisitos:

1. O promotor das actuacións deberá ter solicitada licenza urbanística ou, de ser o caso, presentada a comunicación previa correspondente, dentro do prazo establecido para a solicitude das axudas.
2. Deberá achegarse informa de avaliación dos edificios, no caso de que sexa obrigatorio dispor do mesmo (Decreto 61/2021 do 8 de abril da Xunta de Galicia)
3. No caso de actuacións que foran iniciadas con anterioridade a esta convocatoria, deberá cumprirse que:

- A Oficina de rehabilitación e vivenda teña constancia das actuacións por ter sido obxecto de solicitude en convocatorias anteriores, estar inscritas na LIMIAR, ou calquera outra actuación na administración que permita constatar os feitos.
- En ningún caso poden terse iniciado con anterioridade á entrada en vigor do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016.

A contía máxima das subvencións será o menor dos seguintes límites:

a. Limite porcentual sobre o orzamento subvencionable:
- 35% con cargo á achega do Ministerio
- 10% con cargo á achega da Xunta

b. Limites unitarios por vivenda ou, no caso de edificios residenciais colectivos, por cada 100 m2 de superficie útil de local:
- 11.000 euros con cargo á achega do Ministerio
- 4.000 euros con cargo á achega da Xunta

O procedemento de concesión será o ordinario de concorrencia competitiva segundo o criterio de prelación establecido nestas bases. As subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre que a suma do importe de todas elas non supere o custo total da actuación concreta. O prazo de presentación das solicitudes será de un (1) mes contado a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A Xunta de Goberno tamén acordou distribuír a subvención de 21.248 euros aprobada para a Comunidade de Propietarios de Calzada de San Pedro, 14 e San Antonio, 2, que se repartirá, en base a súa cota de participación, entre os 16 comuneiros que teñen acreditada a totalidade dos requisitos esixidos aos beneficiarios.

Aprobouse, a maiores, a xustificación e pagamento das subvencións nominativas á Asociación Ateneo de Santiago, por un importe de 19.403,88 euros; á Asociación Cultural da Cidade Vella de Santiago por un importe de 20.000 euros; e á Fundación Secretariado Xitano por 22.841 euros.

Outros acordos

O executivo municipal tamé aprobou o proxecto construtivo da obra "Pista multideporte e parque infantil na zona verde do SUNP-25 Roxos-Quintáns", que conta cun orzamento de 150.000 euros.

Tamén se deu luz verde á apertura do procedemento de adxudicación, mediante tramitación ordinaria, do expediente denominado "Servizo de xerencia do Plan de Desenvolvemento Turístico Sostible", establecéndose un tipo de licitación de 145.552,93 euros; e aprobouse o "V Plan Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela (2022-2025), que está previsto presentar próximamente en rolda de prensa

Compartir: