PLENO

O Pleno aproba por unanimidade o reparto dos fondos do remanente de tesourería dedicados a axudas

17/06/2022 Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada este venres, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o reparto do remanente do ano pasado destinado a axudas. Un importe total de 3.375.000 euros destinado ao fomento da economía circular e social, ao sector cultural ou ao comercio local con iniciativas como os Bonos Corazón. Tamén se deu luz verde a unha partida extra por valor de 300.000 euros como fondo de reserva para o Biopolo da Sionlla

O alcalde Xosé Sánchez Bugallo deu conta en rolda de prensa do consenso acadado por todos os grupos municipais para dar luz verde ao reparto dos 3.375.000 euros de remanente de tesourería destinados a axudas, "un acordo que xa fora pactado o pasado 16 de maio". O rexedor anunciou que tamén se incluíu unha "emenda de última hora aprobada por unanimidade" que sumará aos fondos dispoñibles unha cantidade 300.000 euros "a modo de fondo de reserva para o Biopolo da Sionlla, no caso de que sexa necesario".

O importe final aprobado polo Pleno municipal, por un valor 3.375.000 euros, será repartido entre diversas áreas. A partida máis elevada será a dedicada aos Bonos Corazón, "que ao final recibirán un total de 1.250.000 euros, máis do dobre que o ano pasado". Os fondos de apoio ao comercio local completaranse con 350.000 euros en investimento de comercio, 200.000 e 150.000 euros para actividades de dinamización e promoción comercial, respectivamente; 15.000 para axudas para actividades de promoción e 60.000 para a realización de dous estudos, un sobre o comercio de proximidade e outro sobre a praza de Abastos, que recibirán 30.000 cada un.

Tamén detallou o alcalde que se incluirán 350.000 euros en axudas ao emprego; 270.000 para o sector profesional da cultura; 30.000 para asociacións culturais; e 100.000 e 75.000 euros para actividades e axenda culturais, respectivamente. Ademais, destinarase unha partida de 250.000 para empresas de economía social; 150.000 para melloras da práctica de economía circular; e 50.000 para as asociacións de veciños.

Outros asuntos
Tamén na rolda o alcalde fixo referencia á posibilidade de levar ao pleno ordinario de xuño, previsto para o día 30 deste mes, a declaración de interese xeral para poder ubicar a plataforma loxística na nova parcela prevista. "Estamos traballando no novo emprazamento e analizando a súa ubicación xusto a carón de Mercagalicia", indicou o rexedor, que agarda "que para a semana que vén o poidamos ter máis estudado de tal maneira que poidamos levar ao pleno do 30 a proposta de interese xeral.". No caso de non ser posible, "seguramente convocaríamos un pleno extraordinario para mediados ou un pouco antes do mes de xullo para non demorar algo que é urxente". Tamén manifestou a súa intención de levar o pleno ordinario o proxecto do Peleteiro.

A preguntas dos xornalistas, o rexedor fixo referencia tamén ao comezo da circulación do transporte urbano por Concheiros, que está previsto que se inicie despois de San Xoán.

Compartir: