EDUCACIÓN

O Auditorio de Galicia acollerá o concerto de fin de curso da EMM e o XV Certame de Danza Intercentros os vindeiros 19 e o 21 de xuño

15/06/2022 O concelleiro de Educación, Rubén Prol, acompañado pola directora do Departamento de Educuación, o director da Escola Municipal de Música, Fernando Rey, e a coordinadora do Certame de Danza, Beatriz Viñal, presentou esta mañá en rolda de prensa o concerto de fin de curso da EMM "A Movida chega á Escola" e o XV Certame de Danza Intercentros, que terán lugar respectivamente o 19 e o 21 de xuño no Auditorio de Galicia.

Durante a rolda de prensa, o concelleiro Rubén Prol presentou aos medios a XV edición do Certame de Danza Intercentro, unha iniciativa coa que o Departamento de Educación do Concello de Santiago pretende impulsar e apoiar o traballo que se está a realizar no eido da danza nas idades máis temperás, entre os 3 e os 18 anos.

O evento, que terá lugar o vindeiro 19 de xuño na sala A. Brage do Auditorio de Galicia, contará coa participación de preto de 100 alumnos de educación infantil, primaria e secundaria dos centros escolares seguintes: CEIP López Ferreiro, CEIP Pío XII, CEIP Raíña Fabiola, CEIP Ramón Cabanillas, CEIP Pedrouzos (Brión), IES Arcebispo Xelmírez I, IES Arcebispo Xelmirez II, IES Rosalía de Castro, IES Fontiñas, IES Sar e o IES Pontepedriña.

Prevese tamén unha importante repercusión na cidade como se vén cooroborando nos últimos anos cunha altísima participación de familias que cada ano enchen o Auditorio de Galicia.

A inclusión de propostas diversas relacionadas coa actividade de danza no programa xeral de actividades do Departamento de Educación, parte da súa consideración como un recurso importante no proceso educativo. Así, durante e a presentación, o concelleiro Rubén Prol salientou que "a danza é un factor de desenvolvemento global e de realización persoal, e desde un punto de vista pedagóxico é tamén un elemento favorecedor de todo tipo de aprendizaxes xa que proporciona ao alumnado unha gran variedade de experiencias e estímulos".

Deste xeito, en educación infantil, primaria e secundaria, a danza pode ser un recurso moi importante para a formación do alumnado, xa que "a través da danza poden aprender a controlar o seu corpo, explorar o mundo que os rodea, resolver os seus problemas emocionais, ser seres sociais e ocupar un lugar na comunidade. Isto se traballa a través da musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección da postura, a memoria, a sociabilidade, a superación da timidez, a relaxación, a confianza e a propia estima, entre outras", engadiu o edil.

A Movida chega á escola
A segunda iniciativa presentada hoxe é o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música, que terá lugar o vindeiro día 21 de xuño ás 19:00 h no Auditorio de Galicia, baixo o título "A Movida chega á escola". O acceso será libre, previa solicitude de entradas a través da secretaría da Escola Municipal.

Como noutras ocasións, oe espectáculo articularase con dúas agrupacións, unha delas de corda, que inclúe o combo, a orquestra e a orquestriña, e outra de vento, que está integrada polo conxunto tradicional, a banda e a bandiña. Os coros darán o soporte vogal que cada unha das músicas precisan.

Trátase dun espectáculo inspirado na "movida", unha época que estivo marcada por un enorme poder creativo e un desenvolvemento cultural sen parangón nas cidades de Vigo e Santiago. Sen ningún tipo de prexuízo nin estético, nin social nin mesmo ético, a orixinalidade das diferentes propostas culturais aínda a día de hoxe seguen resultando cando menos insólitas.

Este festival será o terceiro da serie dedicada á música galega. O que comezou en 2018 con A Muller Galega na Música, e seguiu en 2019 con 50 Anos de Canción en Galego, rematará con este A Movida chega á Escola.

Durante a rolda tamén se fixo balance de todas as actividades realizadas durante este curso na EMM e se presentou o programa de verán para este mes de xullo. Os eixes de traballo das agrupacións da Escola de Música durante este curso foron: a creación e desenvolvemento artístico, o esquecemento dos prexuízos e a reivindicación e protesta a través da arte.

Direcciones relacionadas



Compartir: