ACCIÓN CULTURAL

Santiago acolle, desde hoxe e ata o 19 de xuño, a sexta edición da SELIC

10/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou hoxe na Praza do Toural os distintos postos de libros instalados con motivo da SELIC, a Semana do Libro en Compostela, que se celebra desde hoxe ata o 19 de xuño. Nesta sexta edición participan máis 22 librarías e editoriais, ademais de 70 autores. Tamén conta, este ano, coa presencia de músicos como Santiago Auserón ou James Rhodes, a quen saúdou o rexedor.

Ademais do acalde, na Praza do Toural estiveron esta tarde os concelleiros de Acción Cultural, Mercedes Rosón; de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte: de Mobilidade, Gonzalo Muíños; de Centros Socioculturais, Javier Fernández; e os edis María Antón, do PP, Branca Novoneyra, de Compostela Aberta e a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín.

O vínculo entre a literatura e a música é un dos eixos vertebradores da sexta edición da Selic. Así, a programación da Selic, que se desenvolverá entre o 10 e o 19 de xuño conta con sete eventos musicais vencellados coa creación literaria.

A primeira gran cita producirase o 12 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, onde La banda de Juan Perro presenta o seu último traballo discográfico, Libertad, tan só un día despois de que Santiago Auserón converse no Toural coa xornalista Marta Veiga sobre os seus dous últimos ensaios, Arte sonora e El ritmo perdido, editados por Anagrama e onde o músico rastrexa o vencello da música e a filosofía na Grecia clásica e busca a pegada dos ritmos africanos na música española, respectivamente. As entradas para este primeiro concerto da xira galega de Juan Perro xa están á venda a través da ligazón www.compostelacultura.gal, cos descontos habituais.

O público infantil e xuvenil é tamén un público obxectivo para a Selic e, como cada ano, na promoción e difusión do libro e da lectura xogarán un papel destacado as actividades destinadas as persoas máis novas da casa. Os obradoiros e xogos, xunto cos concertos desenvolveranse entre o lucernario da Fundación Granell e a praza do Toural, contando sempre coa conxugación entre música e literatura, selo desta sexta edición do Festival da Lectura.

O sábado 11 de xuño, a Fundación Granell acolle a primeira das súas actividades ás 12:30 horas. Trátase do contacontos "Unha viaxe á selva", realizado por Árbore Azul arredor de "Selva", de Marina Gibert, obra gañadora da XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Para esta actividade, dirixida só ás crianzas, sen presenza de adultos, é preciso inscribirse a través do correo-e: seliccompostela@gmail.com.

Pola tarde, ás 18 horas e tamén con inscrición a través do noso correo electrónico, chega a quenda para o autor R. J. Peralta e a ilustradora Blanca Millán, que na actividade "Cantos e contos" realizarán un percorrido polos álbums que realizaron conxuntamente nos últimos anos: Acouga, Babau; Bos días, avoa; ¡A la cama, Martín!.

O domingo 12 de xuño, a actividade volve ao lucernario da Fundación Granell coa editora Patas de Peixe, que tamén cantará e contará a historia Queda sitio na vasoira?. Unha obra de Julia Donaldson e Alex Scheffler que traduciron ao galego Laura Sáez, Mónica Pazos e Saleta Fernández. Tratándose dunha historia de bruxas, toda a cativada de entre 5 e 9 anos está convidada a participar cos seus mellores disfraces nun aquelarre infantil. E no mesmo lugar, ás 17 horas comezan os obradoiros de banda deseñada impartidos por Alfonso Barreiro ‘Fon’ para nenas e nenos de entre 8 e 16 anos. Nos dous casos, por mor da limitación do espazo, é necesario realizar inscrición, a través do correo seliccompostela@gmail.com.

Compartir: