ALCALDÍA

O alcalde recibe a nova directiva da Asociación de Usuarios de Casillas da Praza de Abastos

08/06/2022 O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo esta mañá un encontro coa nova directiva de ASUCA, a Asociación de Usuarios de Casillas da Praza de Abastos.

Na xuntanza Sánchez Bugallo deu conta do investimento previsto para a praza e que se recolle na proposta de destino do remanente de tesourería. Serían 516.000 euros aos que se engaden dúas previsións a maiores: un proxecto técnico por importe de 40.000 euros e un diagnóstico de futuro, orzamentado en 30.000 euros. "Fíxose un hai 20 anos", lembrou o rexedor, "e agora encargamos outro para ver o novo escenario". Con estas medidas o Concello quere dar un pulo a un "mercado de excelencia" que é "referencia en Santiago".

O alcalde tamén lles explicou o funcionamento do programa Bonos Corazón, que se habilitará no mes de xuño de forma específica para a o recinto da Prazo. Os membros da asociación pediron que se realice unha reunión no propio mercado para dar conta do procedemento aos comerciantes. "Seguramente será a semana que vén", indicou o rexedor, que avanzou que se aprobará o convenio na primeira xunta de goberno local que se celebre. "Pediremos ofertas ás entidades financeiras e inmediatamente convocaremos os bonos", salientou. En primeiro lugar habilitarese un prazo para que se inscriban os usuarios das casillas e despois, un segundo para que o público solicite os bonos.

Esta xuntanza vén precedida da que mantivo o rexedor o luns coa nova directiva da cooperativa da Praza, ente xestor da mesma.

Compartir: