ACCIÓN CULTURAL

‘DeMente’ foi o espectáculo máis valorado polo público de Artes Escénicas de Compostela Cultura cun 9,76

08/06/2022 Do total dos 32 espectáculos do primeiro semestre do 2022, a proposta de danza de Fran Sieira foi a que mellor puntuación acadou: un 9,76; nunha votación na que participaron o 91% das case 12.000 persoas que asistiron a un total de 41 funcións de 32 espectáculos. No apartado de Teatro a mellor puntuación foi para ‘As que limpan’ de A Panadaría cun 9,54 e na programación Infantil/Familiar para ‘Crassh Babies’ de We Tum Tum, cun 9,57.

‘DeMente’ de Fran Sieira foi o espectáculo mellor valorado de entre as 33 propostas que ofreceu Compostela Cultura no seu programa de Artes Escénicas no primeiro semestre do ano 2022. O espectáculo de danza, que foi votado polo 91% de asistentes a un ateigado Teatro Principal, acadou un 9,76 de puntuación. En canto ao resto de espectáculos temos que dentro da proposta teatral a máis votada foi ‘As que limpan’ da Panadaría, cun 9,54 e unha participación do 75% do público; e na programación infantil e familiar o máis puntuado foi ‘Crassh Babies’ de We Tum Tum cun 9,57. Estes datos completaranse o vindeiro 17 de xullo coa puntuación de ‘Inloca’ de Matarile Teatro e o CDG, que tivo que ser adiado ata esa data por enfermidade de dous dos membros do elenco.

Alta asistencia e participación nas votacións
En total foron un total de 41 funcións de 32 espectáculos diferentes de xaneiro a maio. Teatro, danza, circo, espectáculos infantís, específicos para bebés... que á vista das puntuacións acadadas foron do agrado da maior parte dos e das asistentes xa que a nota media dos espectáculos é dun 8,75. Ademais, trátase dunha puntuación bastante representativa xa que o público participou maioritariamente nas votacións, emitindo o seu voto o 58% dos e das asistentes e recolléndose, polo tanto, case 6.000 votos desde xaneiro a maio.

Tamén é de destacar a asistencia aos espectáculos xa que a media de ocupación das salas foi de 285 espectadores/as por función, un 57% da capacidade; (458 por función no Auditorio de Galicia, onde houbo 13 funcións, e 205 no Teatro Principal, onde foron 28). Case 12.000 persoas se achegaron a ambos espazos a gozar da programación, nun contexto incerto por mor da pandemia.

Pódese consultar a puntuación de todos os espectáculos na páxina web de Compostela Cultura.

Compartir: