ACCIÓN CULTURAL

Contacontos, música e obradoiros para a os máis novos na sexta edición da Selic

07/06/2022 Concerto e xogos arredor da colección Little Neno, cantos e narración con R. J. Peralta e Blanca Millán e taller de banda deseñada con Alfonso Barreiro ‘Fon’ son algunhas das actividades previstas.

O público infantil e xuvenil é tamén un público obxectivo para a Selic e, como cada ano, na promoción e difusión do libro e da lectura xogarán un papel destacado as actividades destinadas as persoas máis novas da casa. Os obradoiros e xogos, xunto cos concertos desenvolveranse entre o lucernario da Fundación Granell e a praza do Toural, contando sempre coa conxugación entre música e literatura, selo desta sexta edición do Festival da Lectura.

O sábado 11 de xuño, a Fundación Granell acolle a primeira das súas actividades ás 12:30 horas. Trátase do contacontos "Unha viaxe á selva", realizado por Árbore Azul arredor de "Selva", de Marina Gibert, obra gañadora da XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Para esta actividade, dirixida só ás crianzas, sen presenza de adultos, é preciso inscribirse a través do correo-e: seliccompostela@gmail.com.

Pola tarde, ás 18 horas e tamén con inscrición a través do noso correo electrónico, chega a quenda para o autor R. J. Peralta e a ilustradora Blanca Millán, que na actividade "Cantos e contos" realizarán un percorrido polos álbums que realizaron conxuntamente nos últimos anos: Acouga, Babau; Bos días, avoa; ¡A la cama, Martín!.

O domingo 12 de xuño, a actividade volve ao lucernario da Fundación Granell coa editora Patas de Peixe, que tamén cantará e contará a historia Queda sitio na vasoira?. Unha obra de Julia Donaldson e Alex Scheffler que traduciron ao galego Laura Sáez, Mónica Pazos e Saleta Fernández. Tratándose dunha historia de bruxas, toda a cativada de entre 5 e 9 anos está convidada a participar cos seus mellores disfraces nun aquelarre infantil. E no mesmo lugar, ás 17 horas comezan os obradoiros de banda deseñada impartidos por Alfonso Barreiro ‘Fon’ para nenas e nenos de entre 8 e 16 anos. Nos dous casos, por mor da limitación do espazo, é necesario realizar inscrición, a través do correo seliccompostela@gmail.com.

Na seguinte fin de semana da Selic o protagonista das actividades para os máis pequenos da casa será Little Neno, a creación de Daniel Llabres e do ilustrador Jaime Pantoja que agora A Reixa Tenda edita en lingua galega. Deste modo, o sábado 18 de xuño ás 12:30 horas, o Toural acollerá o conto e concerto arredor de Little neno descobre os Beatles. Un evento que vai contar coa participación do actor Jaime Pantoja, a cantante Carla Álvarez e o guitarrista David Vázquez. E para completar o espectáculo e facelo accesible a todas as participantes, a intérprete de lingua de signos Tareixa Martínez acompañará coas súas señas o conto e tamén o concerto.

E na tarde do sábado 18, ás 18:30 horas Little Neno e Jaime Pantoja volven ser os protagonistas das actividades do Toural, desta volta compañados por Daniel Llabres e o editor da tradución galega da serie, Fran Villasenín. Entre os tres presentaranlle ao público a colección Little Neno, con especial protagonismo do álbum Little Neno descobre os Kinks, que coma no caso dos Beatles tamén se acompañará de xogos musicais para o público asistente.

Direcciones relacionadas



Compartir: