ACCIÓN CULTURAL

Ritmos medievais, pop e rock para escoitar a literatura da Selic

03/06/2022 Juan Perro, Diego Ameixeiras e Mr Cool, AldaoLado e Xelís de Toro con Alejandro Vargas serán algúns dos concertos programados na sexta edición do Festival da Lectura.

O vínculo entre a literatura e a música é un dos eixos vertebradores da sexta edición da Selic. Festival da Lectura, pois en palabras do director do festival, Camilo Franco, "ler e escoitar son dúas actividades culturais e reflexivas que nos axudan a pensar". Así, a programación da Selic, que se desenvolverá entre o 10 e o 19 de xuño conta con sete eventos musicais vencellados coa creación literaria.

A primeira gran cita producirase o 12 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, onde La banda de Juan Perro presenta o seu último traballo discográfico, Libertad, tan só un día despois de que Santiago Auserón converse no Toural coa xornalista Marta Veiga sobre os seus dous últimos ensaios, Arte sonora e El ritmo perdido, editados por Anagrama e onde o músico rastrexa o vencello da música e a filosofía na Grecia clásica e busca a pegada dos ritmos africanos na música española, respectivamente. As entradas para este primeiro concerto da xira galega de Juan Perro xa están á venda a través da ligazón www.compostelacultura.gal, cos descontos habituais.

O 14 de xuño continúan a música e a literatura, desta volta a ficción, da man do autor Diego Ameixeiras e do músico Mr. Cool que, na praza do Toural ás 18:30 horas, lle descubrirán ao público a pegada musical que poboa a obra de Ameixeiras tomando como escusa a súa última novela, Premio da Crítica e Premio Follas Novas 2021, O cervo e a sombra. E a melodía das arpas celtas e as voces da formación Lulavai, acompañadas da narración interpretada pola actriz Mariana Carballal, reuniranse o día 17 de xuño, tamén ás 18:30 horas, para homenaxear a Begoña Caamaño conmemorando o décimo aniversario da publicación de Morgana en Esemelle.

Mesmo os Beatles estarán presentes nesta sexta edición da Selic, e farano da man de A Reixa Tenda e a serie de banda deseñada protagonizada por Little Neno, coa presentación en concerto de Little neno descobre aos Beatles, co actor e ilustrador Jaime Pantoja, a cantante Clara Álvarez, o guitarrista David Vázquez e a intéprete de lingua de signos Tareixa Martínez, que traducirá a esa linguaxe todo o concerto. O evento será o 18 de xuño ás 12.30 horas no Toural. E esa mesma noite, ás 20.30 horas no Teatro Principal, o escritor Xelís de Toro acompañarase do pianista de jazz Alejandro Vargas para recuperar o manifesto Máis Alá, de Manuel Antonio, co espectáculo Máis Alalá. As entradas para este concerto, que é gratuíto, poderán recollerse desde o 10 de xuño na Zona C ou, o propio día do evento, na billeteira do Teatro Principal.

Na xornada de clausura da Selic, a poesía vai ser a protagonista, da man de AldaoLado (María Lado e Lucía Aldao) e de Begoña Olavide e Javier Bergia. As primeiras, traerán ata o Toural, o día 19 ás 12.30 horas a súa Furia necesaria, na que unha vez máis combinan música, humor e unha poesía que foxe da idea do amor tenro que se reflicte a miúdo no lirismo para achegarse máis á rabia que plasmaba nos seus poemas o autor Lois Pereiro. E finalmente, no mesmo lugar ás 20 horas, será a obra menos coñecida de Miguel Hernández a que soe na Selic da man dos músicos Begoña Olavide e Javier Bergia e instrumentos como o salterio medieval, a cítara, a frauta, o baixo, as guitarras e as percusións, na presentación do álbum, A propósito de Miguel Hernández, un poeta de Orihuela.

Direcciones relacionadas



Compartir: