TURISMO

Turismo de Santiago promociónase en Frankfurt como destino de Congresos e Incentivos

01/06/2022 Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), está presente no IMEX Frankfurt, a feira profesional de turismo de reunións e incentivos, que se celebra do 31 de maio ao 2 de xuño. Trátase dun dos eventos especializados máis importantes do mundo, con máis de 5.000 compradores profesionais e 3.500 expositores de máis de 90 países.

O SCCB fixo este mércores unha presentación da capital galega aos profesionais internacionais do sector interesados en Santiago, non só como destino turístico ou punto final do Camiño, senón tamén como cidade para a celebración de congresos, xornadas ou calquera tipo de evento profesional.

Pero ademais, o Santiago de Compostela Convention Bureau ten en axenda, ao longo destes días, citas con axencias de incentivos, turoperadores, prescriptores e OPC de diversos países. De feito, nesta edición, o IMEX, que celebra o seu vixésimo aniversario, conta coa presenza de numerosos destinos asiáticos e unha forte presenza de países de América e mesmo África.

Está previsto que a feira reciba preto de 14.000 visitantes e se realicen 70.000 reunións de negocio ao longo destes 3 días, nos que tamén hai un amplo programa de conferencias, que xirarán en torno á tecnoloxía, a sostenibilidade e o deseño de evento, entre outros temas.

O mercado alemán é estratéxico para Santiago, sendo un dos que ten máis peso a nivel turístico, atopándose sempre entre os cinco primeiros países emisores de visitantes á capital galega. Cabe salientar, ademais, que o aeroporto Rosalía de Castro conta con dous enlaces directos co país xermano, concretamente con Frankfurt e Memmingen.

Compartir: