ACCIÓN CULTURAL

A música e a literatura protagonizan a Selic 2022

01/06/2022 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentaron esta mañá a sexta edición da SELIC, a Semana do Libro de Compostela, que se celebrará do 10 ao 19 de xuño na praza do Toural. Co obxectivo de visibilizar e dar a coñecer o potencial editorial e literario da nosa cidade, máis de 20 librarías e editoras, 70 autoras e autores e de 50 obras participarán neste festival que tamén contará coa presenza de músicos recoñecidos como Santiago Auserón ou James Rhodes.

A sexta edición da Selic. Festival da Lectura vai ter como un dos seus eixos vertebradores a relación entre a música e a literatura, unha vinculación que permite ampliar público lector e participante e que achegará a Compostela a autores como os músicos James Rhodes ou Santiago Auserón. Ademais, a un mes do pasamento do autor vigués Domingo Villar, o festival renderalle homenaxe mediante unha lectura aberta dalgunhas das súas obras.

Na presentación do festival, que tivo lugar na sala de prensa do Concello de Santiago, participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón e o director da Selic, Camilo Franco que expuxeron aos medios os contidos do festival, que se afianza no mes de xuño, por ser o mes preferido polo público segundo se testeou desde a organización. Durante o acto, a concelleira Mercedes Rosón quixo destacar "o carácter integrador da Selic, que axuda a consolidar Compostela como espazo literario e creativo que é".

Entre o 10 e 19 de xuño a actividade literaria vai ser a protagonista da Praza do Toural, lugar elixido polas librarías e editoras participantes na Selic e onde desenvolverán as presentacións, as actividades divulgativas e as entrevistas, cun horario de 16.30h a 21.30h de luns a venres, e tamén con sesión matinal os sábados e domingos, de 12h a 14 h.

A Selic deste 2022 amplía as súas colaboracións con outras entidades e institucións, máis alá das librarías e editoras compostelás que integran o evento, e traballa na divulgación da lectura da man da Fundación Carlos Casares, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Fundación Eugenio Granell. É de destacar, tamén, a importancia da colaboración entre a Selic e o Auditorio de Galicia, que vai permitir que en dous días consecutivos (11 e 12 de xuño) Compostela conte coa presenza de Santiago Auserón como escritor, coa presentación de Arte sonora e El ritmo perdido, e como músico, no concerto que ofrecerá con La banda de Juan Perro no Auditorio, o 12 de xuño ás 20:30h.

A relación músico-literaria tamén estará presente nas intervencións de diversas formacións galegas, como as arpistas de Lulavai, que xunto á actriz Mariana Carballal celebrarán os dez anos da publicación de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño; ou o concerto que ofrecerán no Teatro Principal o 18 de xuño Xelís de Toro e Alejandro Vargas, que se inspira no manifesto Máis alá de Manuel Antonio. Neste senso, o director da Selic, Camilo Franco, cometou que "unha das intencións do festival é utilizar a lectura para participar noutras actividades culturais porque a lectura segue sendo a actividade cultural máis importante da humanidade". Así, o director da Selic quixo destacar o evento que realizará o escritor Diego Ameixeiras xunto ao guitarrista Mr. Cool, facendo "unha lectura da súa último novela e influencia musical que hai nela". "Por iso", engade, "relacionamos de maneira moi directa lectura e música, pero tamén hai reflexión, teatro, cine, novelas e calquera xénero que teña que ver coa lectura".

Roteiros
"A Selic tamén é cidade", afirma Camilo Franco, "e ofrece un programa máis amplo de roteiros, que poñen en relación Compostela coa literatura" e tamén co cinema. Deste modo, entre o venres 10 e o sábado 18 de xuño, sairán de diversos puntos da cidade roteiros capitaneados por membros da AELG, MAOS. Innovación social e tamén dous paseos organizados polas editoriais Positivas e Guiverny, inspirados no Pío Latrocinio e na arquitectura do lume en Compostela, respectivamente. O broche final vaino poñer o cantante e escritor Jamas (Dios Ke Te Crew), co Roteiro do pirata (des)confinado.

Librarías e editoras
As librarías e editoras de Compostela estarán representadas nas vinte e dúas casetas que conformarán a área da Selic na praza do Toural: A Gata Tola, A Reixa Tenda, aCentral Folque, Alvarellos Editora, Árbore Azul, Bunker Books, Consorcio de Santiago, Cuarto de Inverno, Edicións Positivas, Editorial Guiverny, Fundación Anselmo Lorenzo, Fundación Eugenio Granell, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Libraría Aenea, Libraría Lila de Lilith, Libraría NUMAX, Libraría Palacios, Patas de Peixe, Ratas con Faca, Rodolfo e Priscila e USC. Servizo de publicacións integran o mercado da Selic 2022.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: