ALCALDÍA

A propiedade presenta unha proposta na Comisión mixta de Peleteiro que amplía a entrada dende República Arxentina

11/05/2022 A Comisión mixta de Peleteiro mantivo hoxe unha nova xuntanza na que, ademais das asociacións representadas, todos os grupos políticos, os técnicos municipais, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou a propiedade da parcela, que presentou un proxecto coas indicación solicitadas na última xuntanza.

Segundo o rexedor compostelán, "foi unha reunión moi positiva e interesante" na que "a propiedade, acollendo as petición que lle foron formuladas, fai unha proposta que desde o noso punto de vista mellora a proposta anterior, aínda que vai na mesma dirección."

Esta nova proposta consiste na ampliación da conexión entre a rúa da República Arxentina, a futura praza e San Pedro de Mezonzo "que pasaría de 13 metros a 17 metros de ancho", co que se convertiría, sinalou, "na rúa máis ancha do Ensanche, cun metro máis que Xeneral Pardiñas, 3 máis que República Arxentina ou 5 máis que Alfredo Brañas". A maiores, engadiu o alcalde, "fan unha proposta de convertir nun acceso soportalado unha parte do edificio, de tal maneira que en realidade serían 32 metros de entrada: 17 ao aire libre e 15 baixo soportais". Isto consíguese "suprimindo a planta baixa e primeira de boa parte do edificio e quedaría cunha altura de 8 metros, varios máis que os da rúa do Vilar e máis amplos".

Sánchez Bugallo tamén salientou que a empresa solicitou que se levase "o tema a pleno o día 31 e que resolvamos. Por parte das asociacións tamén pediron que se aprobe e resolva xa". A este respecto, o rexedor indocou que "houbo unanimidade entre Raigame, Santiago Centro, Em-Rede, Comercio Punto Compostela e Agadea, que opinan que a proposta sobre a mesa é válida e acaída".

Compartir: