ACCIÓN CULTURAL

Preséntase o roteiro "Compostela exiliada", que se desenvolverá entre o 16 e o 18 de maio

11/05/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou hoxe o roteiro "Compostela exiliada", que conta con 90 prazas distribuidas en tres sesións que terán lugar o 16, 17 e 18 de maio. Na rolda de prensa estivo acompañada de Óscar Senra, da cooperativa "Maos Innovación Social", e un dos guías do roteiro.

Mercedes Rosón convidou á cidadanía a participar nos paseos de "Compostela exiliada", que son de balde. O prazo para inscribirse xa está aberto. "Con estes roteiros", sinalou "queremos, polo Día das Letras Galegas, homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, quen tivo que exiliarse en México ao rematar a Guerra Civil; así como a distintas personalidades que tamén sofreron o exilio".

Nomes como Concha Castroviejo, Arturo Cuadrado, Luís Seoane, María Tobío, María Miramontes ou Eugenio Granell; que tiveron que fuxir despois do alzamento do 18 de xullo de 1936, estarán presentes neste roteiro, segundo explicou Óscar Senra. O obxectivo é dar unha visión panorámica do éxodo tanto cultural como político que supuxo a vitoria franquista en Compostela, entre os anos 1936 e 1946. Para elo escolléronse, 16 nomes e a partir de aí construíuse unha proposta na que, a través de once paradas, se reconstrúe a memoria dunha época silenciada.

"En gran medida", sinalou Rosón, "este tamén é un roteiro co que queremos recuperar e dar a coñecer a nosa memoria histórica; despois do programado o pasado 14 de abril, que tivo un gran éxito, sobre a II República e o papel do mestre Fernando Barcia Veiras. Porque o exilio tamén tamén forma parte desa memoria histórica silenciada, que queremos rescatar do esquecemento", engadiu.

Inscricións
Para inscribirse en "Compostela exiliada" cómpre enviar nome, teléfono de contacto e número de prazas ao correo paseos.compostela@maos.gal; ou apuntarse chamando ao 694 474 166 (de 8:00 h a 13:00 h).

Todas as sesións comezarán ás sete da tarde. O punto de saída son os soportais do Pazo de Raxoi. Terán unha duración aproximada dunha hora e media. O límite de prazas establécese en 30 persoas por sesión. Unha vez se esgoten as 90 prazas programadas, péchase a inscrición.

Ás persoas participantes recomendásellle chegar uns minutos antes, xa que se van repartir radioguías para facilitar a audición. Para escoitalas, precisan de auriculares. Se non os tren da casa, facilitaráselle un dun só uso.

Direcciones relacionadas



Compartir: