EDUCACIÓN

Arranca o XXVI Certame de Teatro Intercentros no Teatro Principal

04/05/2022 O concelleiro de Educación, Rubén Prol, acompañado pola directora do Departamento de Educación, Beatriz Varela, e os coordinadores da iniciativa, Sagrario Torreiro e Daniel Baamonde, presentou hoxe en rolda de prensa o XXVI Certame de Teatro Intercentros que levará ao escenario do Teatro Principal entre o 9 e o 12 de maio, 11 espectáculos protagonizados polo alumnado de 6 institutos de educación secundaria, 2 centros de primaria, e polo Grupo de Danza Mandala.

O Certame de Teatro Intercentros está incluído dentro do programa de teatro que promove o Departamento de Educación do Concello de Santiago e que pretende dar continuidade ás actividades que se viñeron desenvolvendo, con grande éxito de participación e resultados moi positivos, ao longo das anteriores edicións.

Esta iniciativa, dirixida a alumnos e alumnas de CEIP, ESO e Bacharelato, iniciase xa a principio do curso escolar cando se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, o vestiario, o decorado e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. É finalmente no mes de maio cando se interpretan todas as obras no Teatro Principal, nunhas funcións abertas ao público. Así, este mes representaranse un total de 11 espectáculos, para os que se estima unha asistencia de 1.650 persoas, entre o alumnado dos centros implicados e outros públicos.

Nesta actividade actuarán máis de 150 alumnas e alumnos que pertencen aos grupos de teatro dos seguintes centros: CEIP Raíña Fabiola, CEIP Casas Novoa, IES Plurilingüe Rosalía de Castro, IES de Brión, IES Antón Fraguas, IES de Cacheiras e IES A. Xelmírez I, así como o Grupo de Danza Mandala.

O telón abrirase o vindeiro luns, 9 de maio, ás 11, coa representación de "Espadas, espadas, espadas!", a cargo do grupo de teatro do CEIP Raiña Fabiola e do IES A. Xelmírez, e desenvolveranse ao longo de catro días ata o 12 de maio, no que o grupo de teatro "Vai no dentista" do IES Xelmirez I pechará o Certame coa obra "Clandestina".

Compartir: