PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Maker Faire Galicia anuncia un avance do programa e os primeiros hits para a súa 8ª edición, que se celebrará en formato híbrido do 1 ao 5 de xuño no Museo Gaiás

12/04/2022 Todo apunta a que o 2022 será o ano dos reencontros, algo que teñen claro desde a organización da Maker Faire Galicia, que volve ao mundo físico cunha edición híbrida que promete ser espectacular. O Concello de Santiago colabora un ano máis co evento.

Tras o peche do "call for makers" ou chamada a proxectos o pasado xoves 31 de marzo, a organización confirma que foron seleccionados 60 proxectos tanto a nivel autonómico como nacional ou internacional, cos que os asistentes poderán interactuar ao longo das cinco xornadas que dura o evento.

Entre os primeiros relatores destacados desta edición atopamos referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos das startups, a educación STEAM, a saúde mental, a inclusión ou a innovación social.

Pepe Martín, CEO de Minimalism, startup referente tanto en emprendemento consciente como en trasparencia ou sustentabilidade, participará nas xornadas da industria o 2 de xuño. Esta marca de roupa e complementos converteuse en referencia no ámbito do emprendemento tanto pola súa honestidade brutal como por cambiar a forma de facer as cousas nun sector tan complexo como o téxtil.

Na tarde do día 2, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destaca a participación dos galegos Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos, e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual, que recentemente fundaron Aruma Studios.

A xornada educativa, que terá lugar o día 3 de xuño, contará, entre outros, coa presenza de dúas referencias a nivel internacional. Por unha banda Ousman Umar, fundador da ONG Nasco Feeding Minds e gañador do Premio da Fundación Princesa de Girona do ámbito social en 2021. Nasco Feeding Minds é unha ONG onde se desenvolven proxectos educativos e se impulsan aulas informáticas en zonas rurais de África co obxectivo de alfabetizar dixitalmente aos máis novos ofrecéndolles así máis oportunidades.

Esta xornada contará tamén con Gitanjali Rao, unha referente do mundo Maker e unha defensora da educación STEM, que con tan só 11 anos gañou o Discovery Education 3 M Young Scientist Challenge. Esta moza estadounidense foi recoñecida pola revista Forbes na súa lista 30 Under 30, ten tres charlas TED ás súas costas e foi a primeira nena do ano nomeada pola revista Time no ano 2020.

Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos, onde ademais da numerosa oferta de talleres e proxectos, que volverán encher o Museo Gaiás, contarán con máis relatorios, como o de Paco Ayala, mexicano fundador do proxecto Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial.

Entre a oferta de obradoiros desta edición destaca unha nova edición da Game Maker JAM, os talleres STEAM a cargo de VermisLAB e o proxecto Code Week, así como algunha que outra sorpresa que desvelarán nas próximas semanas desde a organización. O rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberto e é totalmente gratuíto.

A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

Direcciones relacionadas



Compartir: