MOBILIDADE

O alcalde de Santiago, satisfeito coa resolución provisional das axudas Next Generation para a plataforma loxística de mercadorías

25/02/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosouse hoxe satisfeito coa "Resolución provisional de concesión das axudas do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformacion dixital e sostible do transporte urbano", no que está incluída a "Plataforma loxística de distribución de mercadorías de Santiago de Compostela". O importe da axuda é de 3.913.920 euros, a mesma cantidade que se solicitara por parte do Concello.

Queda en lista de espera, explicou, "a segunda actuación solicitada, que era a construción do aparcadoiro disuasorio de borde sito no Cruceiro da Coruña. Esta foi a primeira convocatoria, quedan 500 millóns sen resolver para a segunda, e esperanos que esa segunda proposta teña acobillo" na próxima convocatoria.

Agora estase a traballar en planeamento urbanístico para poder sacar o proxecto de licitación a través dunha fórmula, subliñou Sánchez Bugallo, que é "concurso de proxecto e obra, dados os prazos, axustados, que establece a convocatoria, na que a empresa que redacta o proxecto faise cargo dos traballos". Recordou que para novembro "ten que estar adxudicado o 60% do proxecto".

Canteira de Miramontes
O alcalde tamén confirmou que hoxe se lle vai trasladar á consellería de Industria a moción asinada onte por tres dos catro grupos municipais, na que amosan o rexeitamento ao uso que se está facendo do vertedoiro de Miramontes. Esta moción presentarase ao pleno ordinario do mes de marzo para o seu debate e aprobación.

O alcalde sinalou que era necesario "ese posicionamento", porque por parte da consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do servizo de Enerxía e Minas, pediron que o Concello de Santiago informase sobre "unha modificación do plan de restauración de Miramontes. O concello xa remitiu os informes técnicos sobre esa cuestión", que agora completará coa citada moción. O rexedor teme que, se se espera a súa aprobación no pleno de marzo para enviala á consellería, poder ser tarde e a resolución xa estea adoptada. "Estou dacordo con que se restaure a canteira, o que non estou dacordo é que se monte aí un vertedoiro", sinalou.

Aparcadoiro da Altiboia
Por outra banda, confirmou a hora de apertura do aparcadoiro da Altiboia, as dúas da tarde de hoxe, e aclarou que os Bonos corazón para o barrio de Concheiros-San Pedro, poranse en marcha no mes de marzo, despois da petición, neste sentido, realizada pola asociación de comerciantes. Nun principio estaba previsto que comezasen a funcionar o día 26 de febreiro.


O rexedor tamén condenou a agresión a Ucraína por parte do exército ruso. "Todos nós desexamos solucións pacíficas e que os problemas se resolvan respectando os dereitos humanos e o dereito internacional". Pero, aclara, neste conflicto hai agresores e agredidos, e neste caso, "a nosa solidariedade debe estar co pobo de Ucraína".

Carballo de Conxo
Por último, o alcalde recordou que o domingo é o último día para votar polo carballo de Conxo como árbore europea do ano, polo que animou á cidadania que aínda non o fixo, a apoiar esta árbore histórica.

Direcciones relacionadas



Compartir: