FESTAS

O Entroido compostelán arranca esta fin de semana co tradicional desfile do Meco

25/02/2022 Tras un ano de interrupción por mor da pandemia, iniciase mañá unha nova edición das festas do Entroido, cunha volta case total das actividades ás rúas. Como punto de partida do programa deste ano, o Meco subirá ao Pazo de Bendaña mañá sábado para presidir unha celebración que se prolongará ata o mércores 2 de marzo, cando o boneco será queimado na praza Roxa. Por contra, o tradicional desfile da tarde do martes de Entroido queda suspendido a consecuencia dos efectos da sexta vaga.

O programa de Entroido arrancará o sábado 26 de febreiro ás 20:00 h da tarde co desfile do Meco que percorrerá a rúa Nova e a rúa do Vilar ata a praza do Toural, onde o Meco quedará presidindo as festas ata o día 2 de marzo dende o Pazo de Bendaña. A subida o Meco ao pazo virá acompañada do pregón a cargo de Virus e Vacina (Lucho Penabade e Mónica García).

Este mesmo sábado, pero pola mañá, terá lugar no Espazo Apego do Ensanche un obradoiro impartido pola Asociación Semente Compostela na que os máis pequenos poderán aprender a facer o seu propio chapeu de Xenerala. A actividade, que está pensada para crianzas de 3 a 8 anos, é de balde pero necesita de inscrición previa en delingua.santiagodecompostela.gal.

Tamén ás 18.30 h a Agrupación folclórica Colexiata de Sar pecorrerá as rúas de Santiago dende a praza Roxa ata a praza de Cervantes amenizando á veciñanza con músicas e cantares da comarca compostelá. Os pasarrúas continuarán o domingo o luns e o martes.

O domingo 27 a festa correrá a cargo de Os Conformistas de Conxo, que entre as 10.30 e as 15:00 h se deixarán ver e escoitar por Conxo, o Ensanche e a zona vella.

O mesmo día ás 12:00 h, os Títeres Cachirulo levarán "As Xeneralas da Ulla" á praza do Toural e a esa mesma hora terá lugar unha actuación de rúa a cargo de Latexo Percusión na praza Roxa e na Alameda. Ás 12.30 h o casco histórico recibirá a visita dos entroidos de Vilariño de Conso e de Santiago de Arriba (Chantada).

Xa pola tarde, ás 17.30 h, a parroquia do Eixo acollerá o desfile dos xenerais da Ulla e máis o coro de bonito, que rematará nos atranques dos correos e xenerais ás 19.00 h no Campo de Santa Lucía. Previamente, ás 6 da tarde, será o turno da Mekánika Rolling Band, que estará acompañada pola Asociación A Ruliña.

O luns terá lugar a actuación da charanga BB+ no Casco Histórico a partir das 6 da tarde, e o martes, da charanga OT e da comparsa Armatroulas de Laraño. Ás 19:00 h, Cantigas e Agarimos animará a rúa de Muros e Noia e a rúa Costa da Morte cos Bailes no Entroido.

O punto final a estas festas terá lugar o mércores 2 de marzo coa Queima do Meco, como sempre, na praza Roxa ás 9 de noite. Antes, o cortexo fúnebre acompañarao dende o Pazo de Bendaña, iso si, de rigoroso loito.

Actividades nos Centros Socioculturais

O programa complétase coas actividades de Entroido que preparan os Centros Socioculturais e cunha última xornada festiva o día 5, o sábado de piñata. Ás 12:00 h terá lugar o atranque das xeneraliñas: as crianzas ataviadas como Xenerais da Ulla, cos seus cabaliños de pau percorrerán o casco vello dende Santa Clara ata a praza de Cervantes cun desafío rimado. Acompañará a comitiva a Choqueira.

Tamén ás 12:00 h pero en Conxo, as comparsas do barrio botarán regueifas e coplas na praza de Aurelio Aguirre, con entrega de premios aos mellores disfraces de sombreiros, concurso de filloas e orellas.

Por último, ás 19:00 da tarde poderase desfrutar dos entroidos rurais en Compostela, neste caso a cargo do Grupo de Baile e Música tradicional Brincadeira.

Toda a información do programa está disponible na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: