TURISMO

A Xunta de Confrarías co apoio do Concello presenta a programación da Semana Santa, que recupera as procesións e unha ampla actividade relixiosa e cultural

25/02/2022 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte e o presidente da Xunta de Confrarías, José Ramón Muñiz presentaron esta mañá en rolda de prensa a programación da Semana Santa 2022. Haberá un total de 15 procesións, ás que se suma o exercicio do Santo Vía Crucis e unha histórica procesión de traslado. O pregón terá lugar unha semana antes do inicio dos desfiles procesionais e a persoa elixida para esta edición será a periodista compostelá Paula Pájaro.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, mostrouse confiado de que "tras dous anos de parón, a Semana Santa achegarase bastante á normalidade, marcando o punto de partida da temporada turística" e recalcou o compromiso do Concello coa Semana Santa, "non só por tratarse dunha Festa de Interese Turístico, senón por contar cunha importante tradición entre a veciñanza da cidade".

Ademais, o edil de Turismo salientou que esta celebración "constitúe un punto de atracción tanto para os turistas como para visitantes da contorna de Santiago, unha circunstancia que favorece a desestacionalización do turismo e que seguro contribuirá á reactivación económica do comercio e a hostalería local"

Segundo indicou o presidente da Xunta de Confrarías, "foron dous anos complicados para as irmandades, posto que nos vimos na obriga de cancelar todo", salientando así mesmo que as confrarías "levan meses traballando nunha programación ampla para este Ano Santo, no que se recuperarán as súas 17 procesións". Así, este ano sairán un total de 15 desfiles procesionais, aos que se suma unha procesión de traslado e o exercicio do Santo Vía Crucis que, por primeira vez en case 70 anos, adiantarase ao Sábado de Paixón, 9 de abril, en lugar da tarde do Mércores Santo, modificando tamén o seu percorrido, que se levará a cabo ao redor da Catedral, desde a Porta da Inmaculada ata a Porta Santa.

Dentro da actividade litúrxica, o programa da Xunta de Confrarías incorpora todos os actos que levarán a cabo as diferentes confrarías, así como aqueles nos que participa o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio e que terán lugar na Catedral.

No referente á actividade cultural, a Banda Municipal de Santiago ofrecerá un concerto xunto ao Orfeón "Terra A Nosa" que terá lugar en San Domingos de Bonaval o sábado 9 de abril, así como un concerto da Banda Municipal de Nerja, que realizará un concerto de marchas de Semana Santa na nosa cidade con motivo do Ano Santo.

Para o pregón, que terá lugar nun acto unha semana antes do inicio dos desfiles procesionais, como se viña facendo nos últimos anos, invitouse á recoñecida xornalista compostelá Paula Pájaro.

Toda a información e o programa poderá consultarse na páxina web www.semanasantasantiago.es a partir da semana que vén . Así mesmo, o programa en papel, dirixido fundamentalmente para turistas e visitantes así como para persoas que non conten con recursos tecnolóxicos para consultalo, poderá atoparse nas sedes das confrarías así como na propia oficina de turismo a partir do Mércores de Cinza.

Compartir: