ACCIÓN CULTURAL

Compostela homenaxea a Rosalía no 185 aniversario do seu nacemento

23/02/2022 Por primeira vez na historia dedícase o 23 de febreiro á autora galega, tras a aparición de nova documentación que desvela a data real do seu nacemento. No marco desta efeméride, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiron a un acto de homenaxe á poeta compostelá que tivo lugar no bosque do Banquete de Conxo, coincidindo cos últimos días de votación para que o carballo compostelán se faga co título de Árbore Europea do Ano. Os actos conmemorativos completáronse cunha ofrenda floral na Praza de Vigo e un acto institucional na capela do Hostal dos Reis Católicos, así como outras iniciativas de carácter cultural e festivo programadas por varios colectivos ao longo da xornada.

Na súa intervención durante o acto, o alcalde Xosé S. Bugallo, destacou "o amor de Rosalía e a súa loita polo bosque do Banquete de Conxo" e como "ela estaría hoxe moi contenta e moi orgullosa de vernos defendendo os carballos de Conxo, como fixo ela no seu día". Ademais, recordou que a escritora galega "é a figura máis querida e recoñecida de Santiago, tanto pola súa calidade literaria como pola profundidade emocional da súa obra, que fai que a xente se sinta identificada coa súa persoa".

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, leu durante o acto no Hostal dos Reis Católicos o poema "Los robles" da obra "En las orillas del Sar" e destacou a trascendencia do legado de Rosalía de Castro, xa que "185 despois do seu nacemento, as mensaxes dos seus poemas siguen vixentes. Os seus textos están máis vivos que nunca. Son e seguirán sendo parte da nosa historia, da historia de Compostela, e da historia da literatura universal".

Actividades

Hoxe, 23 de febreiro, día central da festividade, estanse a desenvolver en varios puntos da cidade toda unha serie de eventos de carácter cultural, lúdico e institucional en honor da autora galega. A xornada arrancou cun acto simbólico xunto ao Carballo do Banquete de Conxo, que se bate nos últimos días de competición tree of the year por convertirse na Árbore Europea do Ano. A cantante Uxía, acompañada pola poeta Xiana Arias e os nenos e nenas do CEIP Quiroga Palacios interpretaron unha alborada en homenaxe á autora compostelá.

Ás 11 da mañá celebrouse na praza de Vigo, preto do lugar onde naceu Rosalía de Castro, unha alborada e a tradicional ofrenda floral. Unha convocatoria da Fundación Rosalía de Castro á que seguiu un acto institucional na Capela do Hostal dos Reis Católicos, coa lectura de poemas rosalianos e a actuación musical de Xisco Feijoo.

No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán; o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación de A Coruña, Xosé Luís Penas; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández.

Ademais, durante a mañá, agasallouse cun libro e unha rosa a todas as persoas que pasaron polo praza do Toural.

A maiores destes actos, vaise publicar un traballo de Arantxa Fuentes, que se editará en galego e castelán. Está previsto que se distribúa por bibliotecas, entre as distintas asociacións, centros socioculturais e na oficina de turismo.

Ademais, a todas estas actividades, súmanse as que se están a desenvolver no Ensanche, en colaboración con entidades veciñais, comerciais e hostaleiras da cidade.

Roteiro sobre a Compostela de Rosalía

A programación de actividades en homenaxe á Rosalía de Castro arrancou o pasado sábado 19, cun roteiro que percorreu os espazos de Compostela máis significativos para a poeta, con paradas nas casas onde morou, e nos espazos nos que interactuou. Durante o percorrido léronse textos seus; e a actividade pechouse cunha actuación do Trío Molime no Museo do Pobo Galego.

O Teatro Principal acolleu tamén o pasado domingo a obra "Libre como os paxaros" da compañía Teatro do Atlántico.

Cambio na data da conmemoración

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego que ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, celebrábase o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.

Sen embargo, tras a aparición de nova documentación, a investigadora galega Sagrario Abelleira levou a cabo unha serie de pescudas chegando á conclusión que a data de nacemento real foi 23 de febreiro, polo que se acordou adiantar a efeméride.

Toda esta información quedou recollida na publicación "Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)".

Compartir: