PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello lanza a campaña "Santiago Concilia" para dar a coñecer as boas prácticas en materia de conciliación de varias empresas compostelás

16/02/2022 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de presentación da campaña "Santiago Concilia" coa que o Concello en colaboración con CERSIA e a USC pretende dar difusión ás iniciativas postas en marcha por diferentes empresas locais para favorecer a conciliación laboral e familiar do seu persoal. O acto contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, a responsable de Promoción Económica do Concello de Santiago, Carme Casado, así como os representantes das sete empresas compostelás escollidas para participar nesta campaña.

Este mañá presentouse no Pazo de Raxoi a campaña "Santiago Concilia" cuxos materiais serán difundidos durantes os meses de febreiro e marzo a través das redes sociais do CERSIA, dando a coñecer os casos de varias empresas de Santiago que favorecen coas súas políticas a conciliación da vida laboral e persoal. As entidades que participaron na camaña son Dinahosting, Inforhouse, Mestrelab Research, Moonoff, Colexio M. Peleteiro, Sacauntos e Sistemas de Seguridade A1.

Na súa intervención, o alcalde Xosé S. Bugallo destacou que "aínda que queda camino por percorrer" en materia de conciliación nas empresas, "a crise do COVID permitiu unha aceleración de procesdos que xa estaban ahí" e recordou que na mellora das condicións dos traballadores " xúntanse a necesidade e a oportunidade", xa que incide tanto no incremento da calidade de vida dos empregados como no desenvolvemento das empresas e das ciudades que as acollen. Durante o acto, os representantes das empresas participantes recibiron un agasallo como recoñecemento ó seu labor en prol das políticas de conciliación.

Vídeos divulgativos
"Santiago Concilia" é unha iniciativa do CERSIA, do Concello de Santiago de Compostela e coa colaboración de Melchor Fernández, profesor da USC. O obxectivo principal é dar a coñecer as empresas compostelás con políticas de conciliación avanzadas e adaptadas aos tempos, para que o seu exemplo, a través dunha serie de vídeos explicativos, poida ter un alcance multiplicador na sociedade.

Ao longo das próximas semanas, un total de dez pezas serán lanzadas a través das RRSS do CERSIA e do Concello de Santiago, como fase final dun longo proceso de investigación, visitas, conversas e entrevistas con traballadores e traballadoras de trinta empresas compostelás seleccionadas inicialmente, sendo sete as finalmente elixidas.

Compartir: