DEPORTES

Santiago acolle esta fin de semana o XVI Open Compos de Esgrima e o II Torneo de Boxeo Olímpico

16/02/2022 A concelleira de Deportes e Benestar Animal, Esther Pedrosa, acompañada do presidente do Club Garage Compostela, Manuel Blanco, e o representante do Club Compostela de Esgrima, Xosé Piñeiro, presentaron hoxe en rolda de prensa os campionatos das disciplinas olímpicas de esgrima e boxeo que terán lugar esta fin de semana nos pavillóns do Restollal e de Santa Isabel.

A concelleira Esther Pedrosa recalcou que a celebración destes torneos "reflicten a aposta do Concello de Santiago polo deporte, en todas as disciplinas, en todos os ámbitos e a todas as idades" e aproveitou para invitar á cidadanía a "practicar deporte xa que nos mantén en forma, prevén distintas enfermidades e axúdanos a manter habitos de vida saudables".

A edil de Deportes explicou que o Concello de Santiago colabora na organización da XVI edición do Open Compos de Esgrima, unha competición dividida en dúas partes: o torneo Liga Máster AEVE para as modalidades femenina e masculina de florete, espada e sable; e o Open Ranking Galego de espadas ABS. Case 200 esgrimistas competirán nestes dous torneos, procedentes de 158 clubs de toda a xeografía nacional, un récord de participación para a esgrima galega.

O Torneo Liga Máster AEVE, terá lugar o 19 de febreiro no pavillón do Restollal. O programa divídese en tres disciplinas: florete masculino e feminino, no que estarán presentes todas as categorías, que se iniciará ás 09:30 h; espada masculina e feminina, tamén en todas as categorías, a partir das 11:30 h; e sable masculino e feminino, en todas as categorías, a partires das 15:00 h.

En canto ao Open Compos Ranking Gallego Absoluto de Espada Individual, celebrarase o próximo domingo, 20 de febreiro, tamén no pavillón do Restollal. A partir das 09:30 h terá lugar a disciplina de espada masculina absoluta, e a partir das 10:30 h o de espada feminina absoluta.

A competición terá acceso gratuito e será retransmitida en directo polo canal de YouTube deEsgrima Directo , co apoio da Federación Galega de Esgrima.

II Torno Boxeo Olímpico

Tamén o sábado, 19 de febreiro a partir das 19:00 h, terá lugar no pavillón de Santa Isabel, o II Torneo de Boxeo Olímpico a nivel galego, con dez combates nas categorías de neo-pro (3), élite (4), e promesa (3).

Para asistir, é obligatorio dispor de certificado covid. As entradas terán un custo de 12 euros.

Compartir: