ACCIÓN CULTURAL

Santiago reivindica a figura da galeguista María Miramontes cun conxunto escultórico en Cornes

11/02/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, inauguraron esta mañá a peza realizada pola artista Mar Ramón Soriano que homenaxea a figura da costureira, editora, mestra e activista galeguista María Miramontes. A peza loce xa na praza situada entre a rúa Manuel Beiras e a rúa María Miramontes, na zona de Cornes. No acto tamén estiveron presentes, entre outros, a escultora; o sobriño neto de María Miramontes e Ánxel Casal; a voceira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín; e os concelleiros José Antonio Constenla (PP) e Branca Novoneyra (CA).

"Con esta escultura o Concello quere, nun acto de xustiza e memoria histórica, recoñecer o labor de María Miramontes e o seu compromiso coa cidade, coas liberdades, co feminismo e co galeguismo" indicou a concelleira Mercedes Rosón, que tamén fixo fincapé no compromiso da corporación municipal por "facer que as mulleres conquisten as rúas e recuperen os espazos da historia que lle foron vetados e que lle correponden por xustiza".

Na mesma liña, o alcalde referiuse a María Miramontes como "unha muller excepcional que puido quedar agochada na historia, pero que foi recuperando o protagonismo que lle corresponde grazas a un traballo colectivo". Para Xosé Sánchez Bugallo, esta nova peza constitúe "un paso pequeno pero importante no obxectivo dobre de recuperar a memoria histórica en Santiago e reflectir no rueiro e elementos simbólicos da cidade a presenza que as mulleres tiveron na súa historia".

A escultura, realizada pola artista Mar Ramón por encargo do Concello, está conformada por unha agulla e un dedal unidos por unha banda que simboliza a bandeira galega, todos eles elementos representativos da traxectoria de María Miramontes. A obra está acompañada por un poema de Antía Otero, tamén presente no acto, en honor á galeguista.

Biografía de María Miramontes

María de los Dolores Miramontes Matos nace en Guísamo en 1895 pero reside desde cativa na cidade da Coruña onde frecuenta os núcleos republicanos e milita nas Irmandades da Fala, formando parte da súa Xunta Directiva. Parella do galeguista Ánxel Casal, ambos se implican política e economicamente en múltiples iniciativas do nacionalismo e da cultura de Galicia: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza.

Tras a proclamación da República o 14 de abril de 1931, o matrimonio trasládase a Compostela, onde María vai compatibilizar a súa profesión como modista coa súa participación nas tertulias da Editorial Nós e a militancia política no Partido Galeguista, centrada na reivindicación dunha organización propia femenina dentro do partido. María vai participar tamén activamente na campaña de apoio ao Estatuto.

A sublevación militar franquista en xullo de 1936, traerá consigo o encarceramento e posterior asesinato de Ánxel Casal, unha época de gran sufrimento para María que finalmente terá que exiliarse en Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Xa na capital porteña retoma a súa profesión de costureira e frecuenta a familia Seoane, ata a súa morte en 1964.

Mar Ramón Soriano

Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) reside en Niñodaguia (Ourense), pobo de forte tradición alfareira. Graduada en Belas artes pola Universidade de Vigo, encóntrase cursando o seu último ano de doutoramento, traballando nunha tese sobre o uso do obxecto na escultura. A súa práctica artística, eminentemente escultórica, céntrase nos procesos cerámicos e na construción de corpos orgánicos con este material que logo ensambla con outro tipo de obxectos.

Realizou varias exposicións individuais na Fundación Granell de Santiago de Compostela e no Centro Marcos Valcárcel de Ourense; e participou en múltiples colectivas. Ademais participou en diversos certames e recibiu premios como o Novos Valores 2020, o Premio Puenting de produción "Mustang Art Gallery" e Universidade de Altea 2020, o Premio Injuve para la Creación Joven 2017-18 e en varias edicións do Premio Xuventude Crea. En 2021 realiza a súa primeira exposición individual en Nordés, desde entón, a súa galería representante; con ela acode tamén, ese mesmo ano a ARCO Madrid 2021, onde presenta un só show na Sección Proxectos de artista.

Compartir: