XUNTA DE GOBERNO

O Concello destinará preto de 1.250.000 euros a financiar oito actuacións no rural dentro do POS+2022

11/02/2022 A Xunta de Goberno aprobou esta mañá as actuacións que levará a cabo o Concello con cargo ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos "POS + 2022" da Deputación da Coruña, que supoñen un total de 800.467,75 euros destinados á realización de catro sendas e á construción dun parque infantil e unha pista polideportiva. Esta achega complétase co Plan Complementario do POS: preto de 443.000 euros para tres obras de pavimentación. A estes investimentos, todos eles no rural, en concreto nas parroquias de Villestro, Laraño, A Peregrina, Bando, A Gracia e Aríns, súmase 1.800.000 euros do orzamento municipal que se destinará á mellora de viarios e obras de saneamento tamén ámbito rural.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, deron conta en rolda de prensa das actuacións incluídas tanto no POS + 2022 coma no Plan Complementario da Deputación da Coruña, aprobadas hoxe en Xunta de Goberno, cuxo orzamento total (1.265.310,46 euros) se destinará íntegramente a melloras no rural compostelán.

Con cargo ao POS+2022 levarase a cabo a construción dun parque infantil e un pista multideporte en Roxos, así como a realización de catro sendas por un total de 800.467,75 euros. Unha primeira correspóndese coa "senda peonil dende o polígono de Tambre ata o centro sociocultural da Gracia", orzamentada en 231.095,44 euros, que vén completar a actuación levada a cabo con fondos provinciais ("prolongación beirarrúa marxe pares – este – da rúa do Tambre entre Meixonfrío e o polígono do Tambre), co fin de conectar a zona rural coa cidade de Compostela cruzando o polígono industrial do Tambre.

Unha segunda actuación será a "senda da rúa das Estrelas", que busca a conectividade entre o Estadio Verónica Boquete en San Lázaro e o Monte do Gozo, amén de dar continuidade á "senda peonil na rúa de San Martiño" que conecta a parroquia de Aríns coa cidade de Compostela. A cantidade prevista é de 126.172,99 euros.

Unha terceira actuación á que se destinará un total de 173.324,84 euros, consistirá na "senda na rúa da Medorra" co fin de dar saída peonil aos veciños do lugar do Castro cara ao barrio de San Marcos.

Cun orzamento estimado de 119.874,48 euros, a cuarta actuación centrarase na creación dunha "senda peonil en Silvouta", na parroquia de Villestro.

Con respecto á quinta actuación, prevese a construción dun "parque infantil e pista multideporte no parque do SUNP-25 de Roxos", na parroquia de Villestro, cun orzamento previsto de 150.000 euros. Con estas instalacións quérese dar resposta á demanda de novos espazos para a crecente poboación de nenos e nenas menores de dez anos coa que conta o grupo de parroquias formado por Figueiras, Villestro e Laraño, que ronda as/os cincocentas/os nenas/os.

Plan Complementario

A maiores do POS + 2022 solicítanse 442.842,71 euros dentro do Plan Complementario destinados a tres actuacións consistentes en acondicionar os interiores dos núcleos rurais do lugar de Aradas (143.236, 40 euros); Coira, en Laraño (124.278,19 euros); e Pedrido, en Villestro (175.328,12 euros), co fin de pór en valor os núcleos tradicionais do rural compostelán.

1.800.000 euros extras para o rural

Durante a rolda, o alcalde salientou que "os 1.243.000 euros que se destinará ao rural a través do POS+ 2022 beneficiará a seis parroquias: Villestro, Laraño, A Peregrina, Bando, A Gracia e Aríns", e confirmou que estes investimentos virán complementados por outros 1.800.000 euros adicionais "que corresponden a una partida de 1.000.000 euros para acondicionamento das vías no rural e 800.000 euros para auga e saneamento".

Ademais Xosé Sánchez Bugallo adiantou que estas partidas obterán pronto luz verde "coa previsible aprobación o martes da próxima semana dos orzamentos municipais para o 2022". O rexedor mostrouse confiado en que este trámite se leve a cabo a través dun "procedemento ordinario" e conta con que os orzamentos poidan entrar en vigor "a mediados de marzo no caso de que non se presenten alegacións", aínda que confirmou que "desde o 15 de febreiro xa se poderán realizar determinadas actuacións con cargo a estas partidas, como é o caso da renovación dalgunhas contratacións".

Outros acordos da Xunta de Goberno extraordinaria

Ademais da aprobación da participación do Concello no POS + 200, na reunión de hoxe da Xunta de Goberno, o executivo municipal aprobou un expediente de crédito extraordinario por importe de 85.259,89 euros, destinados á execución da actuación de "mellora da accesibilidade en barrios desfavorecidos", cofinanciada polo FEDER.
Tamén se deu luz verde á prorroga do contrato subscrito coa empresa Obras y Viales de Galicia SL, polo prazo dun ano a contar dende o 26 de febreiro de 2022, dos servizos para a execución de diversas operacións de conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viarios do termo municipal excluído o ámbito do recinto intramuros da cidade histórica (2018-2020), nos viarios con pavimentos asfálticos (sublote barrios e obras e sublote medio rural), nos viarios sen pavimentos de rodaxe específicos; e nos non asfálticos.

Compartir: