MEDIO AMBIENTE

A Deputación da Coruña súmase ao apoio á campaña "Vota Carballo"

10/02/2022 O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o Carballo de Conxo xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, para amosar o apoio do ente provincial á campaña "Vota Carballo", na que este exemplar se xoga ser a Árbore europea do 2022. Tamén estiveron na visita os concelleiros de Medio Rural, José Manuel Pichel, e de Medio Ambiente, Mila Castro, e o deputado provincial Antonio Leira.

Diante do Carballo de Conxo, o presidente da Deputación fixo un chamamento a apoiar a candidatura da árbore compostelá xa que "constitúe a punta de lanza dunha intención máis profunda do Concello de Santiago de apostar pola cara ecolóxica dunha cidade que é a capital de Galicia, na que conflúe toda Europa".

Pola súa banda, o alcalde de Santiago expresou a intención do Concello de "mobilizar a centros educativos e universidades para revertir a terceira posición" na que se atopa o Carballo de Conxo no concurso. O rexedor chamou á mobilización de todos os galegos e as galegas "xa que é unha oportunidade moi importante para recuperar unha parte da nosa historia e tomar coñecemento de enorme patrimonio que temos en materia ecolóxica". Ademais recordou que, en liña co compromiso do Concello de plantar unha especia autóctona por cada voto conseguido, polo momento "lévanse plantados máis de 3.000 árbores en varias zonas de Santiago, coa previsión de chegar aos 19.000 este ano".

Votación aberta ata o 28 de febrero

A votación para apoiar o Carballo de Conxo está aberta ata o último día deste mes. Para votar cómpre facer o seguinte:

1. Accede á web Tree of the Year para ir á páxina do concurso.
2. Para poder votar, debes seleccionar DÚAS ÁRBORES. Que unha sexa o Carballo do Banquete, e outra que che guste (das candidatas que teñan menos votos, claro).
3. Click sobre "¡Vamos a votar!", onde debes introducir o teu email e confirmar polo menos a súa política de protección de datos.
4. Verificar o email, pulsando sobre a ligazón que che envían para que o voto sexa válido.
5. Xa está! Agora, podes repetir o proceso con outro email ;)

O Carballo de Conxo ten unha gran historia

Este histórico carballo naceu coa Ilustración. Foi testemuña en 1856 do Banquete Democrático de Conxo, acto revolucionario que reivindicou os ideais da nova Europa: Liberdade, Igualdade e Fraternidade.

Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. O bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018 cunha gran festa popular tras permanecer inaccesible durante máis dun século.

Visita á Ponte de Vidán

O alcalde e o presidente visitaron tamén a Ponte de Vidán, despois de rematados os traballos de remodelación. Esta actuación, enmarcada no plan POS+ que desenvolve o Concello en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña, contou cun orzamento de adxudicación de 376.649,68 euros.

O viario sobre o que se atopa a ponte constitúe un importante nodo de conexión da veciñanza da parroquia de Laraño cos viarios de alta capacidade de Santiago de Compostela, e soporta un elevado tránsito de vehículos así como o paso do transporte urbano e escolar para a zona.

A Ponte Vella de Abaixo, de Vidán ou da Amañecida, como é coñecida no lugar, presentaba un estado de conservación deficiente con inestabilidades puntuais na súa fábrica de pedra. Os traballos realizados deron solución a esas inestabilidades e permitiron a reconstrución das fábricas de pedra danadas que conforman a ponte, conservando as que teñen carácter histórico. Procedeuse tamén á construción de novos muros de cachotaría nos estribos; á reconstrución do tallamar, cuxas antigas dimensións e forma foron reproducidas grazas aos restos que se conservaban; e construíuse un novo taboleiro cunha estrutura mixta de aceiro "corten" e unha lousa de formigón armado, apoiado sobre a fábrica dos estribos. O novo taboleiro ten una anchura ampliada de 5,60 metros distrubuídos nunha calzada de 3,50 metros e unha beirarrúa de 1,50 metros, e está dotado de varandas.

As antigas tubaxes de servizos á vista trasladáronse ao interior do novo taboleiro, quedando ocultas, e procedeuse tamén á reparación e rehabilitación da fonte e do lavadoiro da Amañecida.

Compartir: