CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Centros Socioculturais lanza un programa de actividades para o Entroido baixo a temática dos romanos en Santiago

10/02/2022 A concelleira de Acción Cultural Mercedes Rosón e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, acompañados pola técnica de programación dos Centros Socioculturais, Lourdes de la Cruz, presentaron hoxe en rolda de prensa unha proposta de Entroido que combina actividades presenciais e virtuais. Ata o 5 de marzo, toda a familia poderá desfrutar dunha ampla oferta de iniciativas entre as que destaca a comparsa de temática romana "Os trescentum de Asseconia" que permitirá á veciñanza coñecer máis sobre as orixes romanas de Compostela ou o concurso de disfraces na rede.

Durante a presentación, a concelleira Mercedes Rosón salientou que as actividades propostas inciden na "divulgación cultural e a posta en valor dunha celebración moi arraigada nas tradicións populares" e que se trata "dunha mostra máis do patrimonio inmaterial co que contamos en Compostela". Pola súa parte, o concelleiro José Manuel Pichel tamén quixo animar a todas as persoas a mandar as súas fotos de Entroido ao concurso de disfraces na rede e a participar "nas distintas actividades programadas nas que tamén se está a traballar desde os Centros Socioculturais do rural".

O programa de actividades está dirixido a persoas de todas as idades e aínda que algunhas se manteñen desde a casa, increméntanse o número de propostas no exterior, co fin de "ir retomando pouco a pouco a normalidade, nun lugar seguro, ao aire libre, como son as nosas rúas; e nun entorno festivo", segundo destacou a concelleira. Todas estas actividades subiránse ás contas de RRSS dos Centros Socioculturais de Facebook SantiagoSocioCultural, Twitter @CSocioCulturais; e á conta de youtube. De xeito paralelo, os CSC continúan desenvolvendo actividades e compartiranse contidos nas redes.

Comparsas, o Entroido máis participativo

O programa de comparsas arrancará o venres 25 de febreiro ás 19h en Área Central coa proposta do CSC Fontiñas "Festa Rechamgueira", na que o disfrace escollido é o da bruxa avería do programa infantil La bola de cristal e que contará cunha actuación musical aberta ao público en xeral.

O punto álxido da celebración terá lugar o martes de Entroido, 1 de marzo, no que a comparsa "Os Trescentum de Asseconia", inspirada nas orixes romanas de Santiago, sairá desde varios puntos da cidade para rematar na praza de Quintana, onde se cre que estaba localizado o asentamento romano Asseconia no século I. Para participar na comparsa cómpre cubrir o formulario de inscrición adxunto e entregalo no centro correspondente. Tamén o martes a partir das 18:00 h o CSC do Castiñeiriño propón unha saída polo barrio baixo a temática "Vivan o xenerais".

O barrio de Conxo tamén acollerá unha serie de comparsas, regueifas e coplas nas prazas sobre a temática "Sombreiros" que se desenvolverán ao longo do próximo sábado 5 de marzo cunha festa final na praza Aurelio Aguirre onde se entregarán os premios aos mellores disfraces.

Concurso de disfraces na rede

Desde o 12 e ata o 16 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición no concurso "Disfraces na rede". A temática será libre e establécense dúas categorías: mellor disfrace familiar e mellor disfrace infantil.

As persoas participantes deberán enviar as fotos ao correo ccpreinscricions@santiagodecompostela.gal, engadindo no asunto "concurso de disfrace na rede". Deberase enviar na mesma mensaxe a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, e a foto ou fotos presentadas a concurso, ademais no corpo do correo, hai que indicar a categoría á que se presentan, nome e apelidos da persoa ou persoas participantes e un teléfono de contacto.

As imaxes serán publicadas na páxina de Facebook rede de centros socioculturais cos cancelos #NoEntroidoPretodeTI #CentrosSocioculturaisPretodeTI.

A dinámica do concurso é moi sinxela. Elixirase mellor disfrace ao que leve máis "me gusta"/ "me encanta" na fotografía que estará colgada na antedita páxina da rede social. A data límite para votar é o martes 1 de marzo ata ás 23:59 h.

O Meco manda nas redes

As ordes do Meco, no Entroido, son sagradas. Para non perder a tradición, cada día haberá unha orde distinta. Tanto a cativada, como as persoas maiores, poderán desfrutar desta actividade desde o 21 de febreiro ata o 1 de marzo en privado ou compartindo as súas fotos a través dos correos electrónicos de cada un dos Centros Socioculturais ou nas redes sociais.

Outras actividades

Na rede porase a disposición de quen se queira achegar, de espazos ambientados coas temáticas dos disfraces e que servirána modo de "photocalls" para poder sacar fotografías e compartilas nas redes sociais.

Ademais, nas bibliotecas, salas informáticas e espazos de maiores haberá actividades específicas, e nas aulas de xogo se continuará a traballar nos obradoiros de entroido para elaborar elementos do disfrace.

Compartir: