ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal ofrece un novo concerto baixo o título "Camiño do Norte" dedicado ás figuras máis representativas do País Vasco

10/02/2022 O Teatro Principal acolle este domingo a partir das 12:00 h un concerto con pezas dos autores Juan Crisóstomo de Arriaga, Jesús Guridi, Vicent Egea, Rodrigo Alfredo de Santiago e Simón Couceiro.

No marco do Ciclo II "Rutas e Sinfonías" da temporada 2021-2022 "Camiños Sonoros", a Banda de Música Municipal de Santiago ofrecerá o próximo domingo 13 de febreiro ás 12:00 h no Teatro Principal o espectáculo "O Camiño do Norte", dentro da liña de programación adicada ás composicións dos autores máis representativos de diferentes épocas da xeografía vasca, que veñen "en peregrinación" a través do Camiño do Norte e que serán recibidos na cidade polo compositor anfitrión e grandísimo músico Simón Couceiro (músico da banda municipal na especialidade de requinto).

A selección dos autores comeza a principios do s. XIX co compositor Juan Crisóstomo de Arriaga (coñecido tamén como o "Mozart español"), que tras vivir nada máis que 20 anos, deixa escritas exquisitas partituras, como é o caso da obertura de estilo clásico "Os escravos felices", composta con 14 anos de idade. No hemisferio do s.XX réndese homenaxe á figura de Jesús Guridi, un compositor recoñecido como unha icona da música sinfónica vasca, cunha obra que recicla material autóctono vasco, tratado coa máxima delicadeza do sinfonismo na obra "Diez melodías vascas".

Aínda que de orixe valenciano, Vicent Egea mergúllase na esencia da música popular de Euskadi e escribe as Variacións "Agur Jaunak" para banda con grupo folk vasco, traballando o discurso a partir da coñecida canción-himno Agur Jaunak. Péchase o recital vasco coa obra de Rodrigo Alfredo de Santiago, unha especie de fantasía sinfónica de estilo clásico, que se inspira nos ritmos característicos da súa terra.

O programa culmina coa obra de Simón Couceiro titulada "Fantasía sobre 3 temas galegos", que en consonancia co programa, recolle tres cancións coñecidas pola cultura galega trasladándoas maxistralmente á expresión da banda.

Entradas

A entrada é de balde e obrigatoria para o acceso por mor do control dos aforos. Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.

Direcciones relacionadas



Compartir: