ACCIÓN CULTURAL

Últimos días para asistir ás visitas comentadas da exposición Memorias do Café Derby (1929-2020), patrocinada polo Consorcio de Santiago, na Casa do Cabido

08/02/2022 As últimas visitas guiadas da mostra que percorre a traxectoria do emblemático café compostelán durante máis de 90 anos, terán lugar este venres ás 18:00 h e o domingo ás 12:00 h. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente por correo electrónico.

A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle desde finais de outubro a exposición "Memorias do Café Derby (1929-2020)", promovida polo Consorcio de Santiago. A mostra percorre a traxectoria do emblemático Café durante as máis de nove décadas que o converteron no máis lonxevo de Compostela. É a primeira exposición celebrada na cidade que traslada a memoria do patrimonio artístico e histórico dun café. Este domingo, 13 de febreiro, será o derradeiro día para poder visitala.

Ademais, esta semana continúase coas visitas comentadas á exposición que está a promover a concellería de Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago. Celebraranse o venres pola tarde (18:00 horas) e o domingo pola mañá (12:00 horas).

As visitas, que son gratuítas, son guiadas e comentadas polos comisarios da mostra, Ana Castro e Fernando Franjo. Cada unha ten unha duración duns 50 minutos, cun aforo máximo de 10 persoas por visita, seguindo a orde de inscrición. As persoas interesadas en participar nestes percorridos deben enviar un correo electrónico coa súa solicitude a visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no que se indicará o número de persoas que desexan formar parte da visita. As peticións serán confirmadas a volta de correo e esta confirmación será imprescindible para facer efectiva a reserva.

Nestas visitas comentadas séguese a historia do Derby nunha secuencia cronolóxica, desde os seus antecedentes, a principios do século XX, ata o peche do Café en 2020. Ademais, é unha magnífica oportunidade para coñecer o seu patrimonio artístico e decorativo exclusivo, que chegou á actualidade e que os visitantes poderán admirar nunha recreación do Café que se exhibe na propia exposición.

Horarios da exposición

A exposición pode visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 h. Os luns pecha ao público.

Compartir: