XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a participación do Concello no Pos+2022 e distintas medidas para facer efectiva a peonalización de Mazarelos

07/02/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe distintas medidas para facer efectiva a peonalización da zona de Mazarelos. Tamén deu o visto bó á participación do Concello de Santiago no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de concellos) Pos+2022 da Deputación Provincial da Coruña para o financiamento dos gastos sociais extraordinarios do exercicio 2022.

En concreto, acordouse solicitar a achega provincial asignada aos gastos sociais por un importe de 125.043,94 euros, para o financiamento de dúas prestacións. A primeira, cun importe de 100.000 euros, destinarase ao reforzo dos dispositivos e axudas económicas de atención a persoas sen fogar, en concreto ao SEMUS, o Servizo Municipal de Atención a Emerxencias Sociais, a través do establecemento dun convenio coa Cruz Vermella. O obxectivo é dar unha resposta a persoas en situación de vulnerabilidade e desprotección, contemplando a atención a persoas sen fogar, o que implica o reforzo da atención de rúa que se presta, cunha ampliación das rutas nocturnas que permitan acceder aos lugares da cidade onde se poidan detectar persoas sen teito. A segunda, por un importe de 25.043,94 euros, estaría destinada á ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, coa contratación de máis persoal.

Peonalización de Mazarelos
O executivo municipal aprobou a modificación das prazas da ORA no ámbito da praza de Abastos, como unha das medidas a adoptar para facer efectiva a peonalización da rúa Mazarelos, deixando 15 prazas:

-10 prazas na Travesa da Universidade

-5 prazas na praza de San Fiz de Solovio (de nova creación).

Estas prazas serán de curta duración cun horario de luns a sábado de 8:00 a 14:00 horas, coa obriga de rotación aos 60 minutos, nos termos do establecido no artigo 5 da Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Servizo de Aparcamento ORA e Aparcamento de Residentes.

A maiores, tamén se aprobou:

- A creación dunha zona de aparcamento para residentes do casco histórico cunha serie de prazas de residentes, que poderán aparcar en dúas zonas concretas: na rúa Travesa da Universidade (no tramo comprendido entre a saída da Praza de San Fiz e a Praza de Fonte Seca) en horario de 20:30 a 8:00 horas; e nas prazas de zona ORA habilitadas na rúa Travesa da Universidade, que serán prazas de residentes de zona monumental fóra do horario limitado desta zona ORA, que é de 20:30 a 8:00 horas.

- A habilitación dunha zona de aparcamento de residentes de zona monumental na rúa Mazarelos, durante 24 horas.

Urbanismo
A Xunta de Goberno tamén acordou conceder á Consellería de Cultura, Educación e Universidade licenza para a rehabilitación integral do IES Lamas de Abade, unhas obras que contarían cun orzamento de execución material de 578.574,83 euros.

Por outra banda, o goberno municipal aprobou, inicialmente, o "Estudo de detalle dos quinteiros 1 e 2 do Plan parcial do SUP-1; así como do quinteiro 6, localizados na rúa de Romero Donallo; que afecta a tres parcelas catastrais. Segundo explico Sindo Guinarte, "esta modificación cambia a distribución das edificacións, pero non afecta ao volume edificable".

O acordo de aprobación inicial do Estudo de detalle determina automaticamente, por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da Lei 2/2016 do solo de Galicia e 86.2 do seu Regulamento, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación e de parcelación no ámbito dos quinteiros 1 e 2, así como do quinteiro 6. Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos, a contar dende a aprobación inicial, e extinguirase, en todo caso, co acordo de aprobación definitiva do Estudo de detalle. Esta suspensión non afectará aos proxectos que cumpran simultaneamente as determinacións do plan parcial vixente e as do estudo de detalle inicialmente aprobado.

Outros acordos
A goberno municipal aprobou a adxudicación da "concesión de uso privativo do dominio público das marquesiñas e mupis urbanos do Concello de Santiago de Compostela para a súa explotación publicitaria" á empresa Alpha Publicidad Exterior, SL, que oferta un canon de 173.838,00 euros (exento de IVE) a aboar ao Concello, sendo a súa proposta a máis vantaxosa das presentadas.

Polo que respecta a obras, acordouse a recepción de dúas: as de rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa Santa Teresa de Jornet; e as da senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño; as dúas pertencentes ao POS 2019.

Compartir: