MEDIO RURAL

Abre ao tráfico a Ponte de Vidán despois das obras de reparación e consolidación

04/02/2022 A Ponte de Vidán xa está aberta ao tráfico, tanto rodado coma peonil, dende a tarde de onte, unha vez rematadas as obras de reparación e consolidación. A liña de transporte urbano P2 recupera o seu itinerario habitual a partir de mañá, sábado 5.

Esta actuación, enmarcada no plan POS+ que desenvolve o Concello en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña, contou cun orzamento de adxudicación de 376.649,68 euros.

O viario sobre o que se atopa a ponte constitúe un importante nodo de conexión da veciñanza da parroquia de Laraño cos viarios de alta capacidade de Santiago de Compostela, e soporta un elevado tránsito de vehículos así como o paso do transporte urbano e escolar para a zona.

A Ponte Vella de Abaixo, de Vidán ou da Amañecida, como é coñecida no lugar, presentaba un estado de conservación deficiente con inestabilidades puntuais na súa fábrica de pedra. Os traballos realizados deron solución a esas inestabilidades e permitiron a reconstrución das fábricas de pedra danadas que conforman a ponte, conservando as que teñen carácter histórico. Procedeuse tamén á construción de novos muros de cachotaría nos estribos; á reconstrución do tallamar, cuxas antigas dimensións e forma foron reproducidas grazas aos restos que se conservaban; e construíuse un novo taboleiro cunha estrutura mixta de aceiro "corten" e unha lousa de formigón armado, apoiado sobre a fábrica dos estribos. O novo taboleiro ten una anchura ampliada de 5,60 metros distrubuídos nunha calzada de 3,50 metros e unha beirarrúa de 1,50 metros, e está dotado de varandas.

As antigas tubaxes de servizos á vista trasladáronse ao interior do novo taboleiro, quedando ocultas, e procedeuse tamén á reparación e rehabilitación da fonte e do lavadoiro da Amañecida.

Transporte urbano
Coa apertura ao tráfico da Ponte Vella de Vidán, a liña P2 recupera o seu itinerario habitual pola zona a partir do inicio dos servizos do sábado 5 de febreiro.

Serán efectivas de novo as seguintes paradas nos dous sentidos de circulación: rúa da Ponte Vella (paradas 477 e 478), Amañecida (paradas 38 e 39) e Laraño, igrexa (paradas 291 e 292).

Compartir: