URBANISMO

O barrio do Castiñeiriño contará con 24 vivendas de promoción pública

02/02/2022 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, visitou hoxe, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o solar no que se están construíndo 24 vivendas protexidas, ubicado no SUNP 13 do Castiñeiriño.

Mercedes Rosón puido coñecer os detalles do proxecto, no que a Xunta de Galicia inviste 4,26 millóns de euros, procedentes de Fondos Europeos e de fondos propios. Vázquez agradeceu ao Concello de Santiago a colaboración e a axilización nos trámites "para a concesión da licenza que posibilita que agora saquemos adiante estas vivendas".

Está previsto, segundo os datos facilitados polo goberno galego, que as obras se rematen o vindeiro ano. Desde o ano 2010 non se construía vivenda pública en Santiago. Esta non é a única obra de promoción pública de vivenda proxectada en Compostela. Hai outras dúas promocións licitadas en Lamas de Abade. O solo no que se levantarán é froito dunha permuta levada a cabo en 2010 entre o Concello de Santiago e a Xunta.

Compartir: