CENTROS SOCIOCULTURAIS E EDUCACIÓN

Elevada participación no Programa Municipal de Conciliación durante este Nadal

02/02/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, deu conta dos resultados da nova edición do Programa Municipal de Conciliación de Nadal en rolda de prensa, na que valorou positivamente a concorrencia de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos ás actividades ofertadas.

No marco do programa "Mañás de Nadal 2021", o Concello ofertou o pasado mes de novembro un total de 360 prazas en distintas actividades lúdico-educativas; 60 delas reservadas aos Centros Socioculturais da Gracia, Figueiras e Marrozos. 95 prazas, ofertáronse na rede urbana de CSC e as 205 prazas restantes foron destinadas a centros que dependen do departamento de Educación.

Centros Socioculturais

O concelleiro Javier Fernández fixo unha valoración moi "positiva" da participación no programa de actividades de conciliación de Nadal e destacou que "o ambiente de paulatina volta á confianza, despois da pandemia, fixo que o Nadal transcorrese nos Centros Socioculturais, con ambientación e dinamismo".

Así, informou de que nas "Mañás de Nadal" participaron 75 menores entre 4 e 12 anos, "o que nos dá unha porcentaxe de participación do 79% aproximadamente". Destes nenos e nenas, 35 fixeron uso do horario extensivo (de 7.45 h. ás 15:15) o que supón un "46% das familias participantes, e remarcou o compromiso de Concello de "mantelo en sucesivas programacións".

As actividades de conciliación desenvolvéronse nos Centros Socioculturais de Vite, Conxo, Trisca, Fontiñas, O Ensanche, Castiñeiriño e Santa Marta, os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 3, 4, 5 e 7 de xaneiro en horario de 10:00 h. a 14:00 h, cunha ampliación desde as 7.45 h. ás 15:15 h para favorecer a conciliación nas familias.

Entre as principais actividades que se levaron a cabo destacan o Nadal en conto e cor, cunha chea de espectáculos, concretamente 36, de maxia, teatro e cinema; que permitiu atraer novamente ao público aos centros, ou as visitas da Apalpadora e da paxe de nadal.

Centros educativos e espazo María Miramontes

O concelleiro tamén deu conta dos resultados do programa de conciliación de Nadal nos centros educativos e na ludoteca María Miramontes, dependentes do Departamento de Educación do Concello, para os que se os ofertaron un total de 205 prazas nos diferentes programas: "Programa de Nadal de Conciliación nos CEIP", "Nadal no Espazo María Miramontes" e os "Obradoiros de Nadal das Escolas Infantís Municipais".

En canto ao programa municipal de conciliación de Nadal nos CEIPS, recibíronse un total de 89 de nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Desta cifra total, 46 menores participaron nas actividades do CEIP Quiroga Palacios e 43 no CEIP Monte dos Postes. Había cen prazas ofertadas, polo que o índice de participación foi notable, dun 89%.

Polo que respecta ao "Espazo educativo e de Lecer María Miramontes", contabilizáronse un total 56 usuarios e usuarias na quenda de decembro, e 46 na de xaneiro. A todas as familias dos participantes pasóuselle unha enquisa, con resultados moi satisfactorios. A máxima valoración dunha pregunta era de 210 puntos, e todas elas se situaron entre os 155 e os 180 puntos.

Puntuábanse cuestións como a información proporcionada polo centro, o proceso de inscrición no programa, o proceso de recepción e recollida dos menores, os tempos de espera nas recepcións e recollidas, o contido das actividades e o seu desenvolvemento, as saídas ao pavillón, a atención e o traballo do equipo do centro, e unha valoración xeral do programa de Nadal.

Con respecto aos obradoiros de Nadal para a conciliación familiar e laboral que se levaron a cabo nas Escolas Infantís Municipais entre o 22 ao 31 de decembro, finalmente participaron 15 nenas e nenos na Escola Infantil de Conxo, e 11 na de Meixonfrío-Salgueiriños.

Inscrición no programa de conciliación de Entroido
Ata o 14 de febreiro está aberto o prazo de inscrición no programa de conciliación de Entroido que oferta o "Espazo educativo e de Lecer María Miramontes". Ofértanse un total de 60 prazas, todas elas de balde, destinadas a menores empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela. 36 son para a cativada de entre 4 e 6 anos; e 24 para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos.

A distribución de prazas pode variar dependendo do número e idades dos menores participantes. O programa de conciliación desenvolverase os días 28 de febreiro, e 1 e 2 de marzo; en horario de 7:45 h a 15:00 h. Atendendo ás medidas que derivan da situación sanitaria e pola limitación de prazas autorizadas neste equipamento pola Xunta de Galicia, é necesario restrinxir o número de menores usuarios que poden facer uso do servizo, no caso de que haxa máis solicitantes que prazas. Por este motivo, priorizaranse o acceso aos servidos daquelas familias que traballen ou estean en tránsito do traballo a casa, entre as 7:45 e as 15:00 h; familias en risco de vulnerabilidade, familias con nenos e nenas de acollida e familias numerosas.

Compartir: