POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Os V Premios Youtubeiras darán a coñecer mañá en Bertamiráns o palmarés deste 2021 nunha gala presentada por Tanxugueiras

25/11/2021 Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, darán a coñecer mañá as gañadoras e gañadores da súa quinta edición. Tras a paréntese do ano pasado, os galardóns recuperan neste 2021 a entrega presencial cunha gala que se celebrará na casa da cultura de Bertamiráns (Ames) ás 20.00 h e que estará conducida polo grupo Tanxugueiras.

Un total de 35 propostas finalistas aspiran a estes galardóns que reparten 7.500 euros entre as persoas gañadoras das doce categorías. Os premios de canle, youtubeira/o e vídeo contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto (calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, didáctico e pioneiro) é de 500 euros. Esa mesma cifra recibirá quen leve o Premio do Público, que se escolle a través dunha votación na Rede.

As deliberacións do xurado, constituído por Fernando Ramallo, Adrián Lede, Noemí García, Sonia Méndez e Esther Estévez, determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan finalistas para o Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros ademais aspiran, xunto a O Son das Ideas, a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese with Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua. Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeiro/a, vídeo, impacto e creatividade). A cinco galardóns opta Neeumatiko (canle, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto e didáctico) e tamén Cousxs (youtubeiro/a, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).

Na gala estarán representadas a práctica totalidade das institucións organizadoras dos Premios Youtubeiras, iniciativa que lle dá visibilidade ao uso do galego no Youtube ao tempo que fomenta a creatividade e xera referentes na nosa lingua dun axente con gran repercusión social no mundo dixital como son os/as youtubeiros/as.

Así, á entrega de galardóns asistirán o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos Rico; o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín.
Por parte do Concello de Santiago, está previsto que acudan Rubén Prol, concelleiro de Políticas Lingüísticas, e dende o de Pontevedra, Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística. Ribadeo estará representado pola súa concelleira de Cultura e Consumo, Pilar Otero Cabarcos, mentres que dende Teo asistirá María López Álvarez, concelleira de Igualdade, Cultura e Educación. A concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e de Deportes, Mónica González Blanco, representará A Baña, mentres que de Negreira estarán a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Mar García Vidal, e a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa Douro Leis. Ames contará tamén co seu concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e por parte de Moaña asistirá o seu concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina.

Compartir: