IGUALDADE

Compostela lembra este 25N as vítimas da violencia machista cunha homenaxe na praza 8 de marzo

25/11/2021 O Concello de Santiago súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller este 25 de novembro. Ás 12.00 h da mañá, asociacións feministas foron recibidas no Pazo de Raxoi polos membros da Corporación e para as 19.00 horas desta tarde darase lectura ao manifesto institucional e descubrirase unha placa en homenaxe ás vítimas desta lacra na praza 8 de marzo.

Os actos de conmoración deste día arrancaron no pazo de Raxoi coa recepción da Corporación aos colectivos feministas. Tomou a palabra en representación deles Patricia Portopaderne, que reivindicou o papel do feminismo na visibilización e denuncia da violencia machista.

Lectura de manifesto e descubrimento de placa
Os actos continúan esta tarde na praza 8 de marzo (ás 19.00 horas) coa lectura do manifesto institucional consensuado por todos os grupos políticos e o descubrimento dunha placa en homenaxe a todas as vítimas de violencia machista.

O manifesto fai referencia á magnitude do problema: "somos conscientes de que o reto é enorme", pero lembra as vítimas "que estamos aquí para axudalas. TODOS E TODAS, sen distinción. Con información, con asesoramento xurídico e psicolóxico, acompañándoas en todo ese proceso, para que ese longo silencio de sufrimento mude cara a un futuro de esperanza, un futuro de VIDA, desplegando recursos e políticas que poñan fin a todas as violencias machistas. Afortunadamente, movementos e mensaxes como #CompostelaenNegro, #NONaviolenciadexenero #PrimAcoso, #YoSiTeCreo ou #MeToo, anúnciannos que o tempo se está esgotando para os agresores machistas".

No texto recórdase que "a sociedade que estamos construindo é absolutamente incompatible co maltrato ás mulleres. Pero, neste obxectivo, aínda queda moito camiño por percorrer. Por desgraza, as violencias ás mulleres prodúcense acotío, en case todos os ámbitos da vida e baixo distintas formas: discriminación, vexación, dominio, ameaza, acoso, enmudecemento, privación..."

Campaña Compostela en Negro
Precisamente nas formas menos visibles de violencia machista pon o foco esta ano a campaña Compostela en Negro. A imaxe do cartel é a dun iceberg que pon sobre a mesa a necesidade de destapar e visibilizar, en palabras da súa deseñadora Uqui Permui, "as violencias cotiás, as normalizadas, esas que nos costa ver e cando as vemos xa é moi tarde".

Coas palabras "feminicidio" e "asesinato" na punta do iceberg, xorden as que están ocultas como "desvaloración", "desprezo", "culpabilizar", "micromachismo" ou "anulación". Estas mesmas verbas son as que, en forma de tiras de papel, repartiu o Concello xunto con bolsas de tea e o propio cartel aos comercios, bares e establecementos en xeral co obxectivo de denunciar esas situacións.

Estes mesmos materiais están ademais dispoñibles para toda a cidadanía que queira actuar vestindo de negro xanelas, varandas e en definitiva os seus espazos. Aínda se poden recoller hoxe na Casa Xohana Torres en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h.

Seis performances, 12 escaparates
Outra das actividades que se está a desenvolver é a realización de performances en 12 escaparates de establecementos composteláns na que participan seis artistas de diferentes artes escénicas como son Marta Alonso, Mónica de Nut, Helena Salgueiro, Marta Pérez, María Roja e a xaponesa residente en Compostela Masako Hattori. Tres das pezas son estreas mentras que as outras tres son adaptacións feitas ex profeso para o espazo dos escaparates, e todas xiran en torno ás formas de violencia ocultas na normalización, ás agochadas baixo a punta do iceberg seguindo o "sempre foi así".

As performances comezaron onte e continúan hoxe entre as 18.30 e as 20 horas na Praza de Galicia e na rúa do Hórreo, nos escaparates de Caneda, Squina Moda, Portela Seijo, A Reixa, Rimess Musical e Carmen Díaz Estilista / NafNaf / Kookaï.

Por último, tamén forma parte da campaña o proxecto audiovisual "Homes de futuro", dirixido por Cruz Dafonte. En formato reportaxe, adolescentes de Compostela indagan sobre o seu futuro en igualdade nunha grabación que se estreará proximamente na Casa Xohana Torres.

Documentos relacionados



Compartir: