BENESTAR SOCIAL

O Concello súmase á conmemoración do Día da Infancia coa celebración dun pleno infantil

19/11/2021 Un grupo de alumnos e alumnas dos CEIP López Ferreiro e Lamas de Abade convertéronse en concelleiros e concelleiras por un día e celebraron un pleno municipal con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro. Con eles estiveron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os concelleiros Mila Castro, Rubén Prol, José Antonio Constenla, Jorge Duarte e Navia Rivas.

O próximo sábado 20 de novembro conmemórase o Día Mundial da Infancia, un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo. Trátase dunha oportunidade para dar especial relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención sobre os dereitos dos nenos e das nenas (CDN) e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos e en calquera lugar.

Este documento, clave para o desenvolvemento da infancia nas últimas décadas, apela no seu artigo 12 á necesidade de dar aos nenos e nenas a oportunidade de ser escoitados, directamente ou a través dun órgano apropiado, en todos aqueles procedementos que lle afecten.

Partindo destas ideas e entendendo as institucións públicas como responsables de que o dereito á participación se vexa cumprido nos seus territorios, o Concello de Santiago de Compostela celebrou un Pleno infantil co obxectivo de compartir ideas, dar aos nenos e nenas a opción de propoñer iniciativas coas que mellorar o cumprimento da CDN na súa contorna e promover o seu dereito a decidir sobre os temas que lles afecten a nivel local.

O Concello de Santiago de Compostela amosa o seu compromiso coa infancia e a necesaria concienciación da cidadanía sobre a importancia de seguir traballando e sumando esforzos para que os dereitos dos nenos e nenas se vexan cumpridos en todo momento e en todo o mundo. Esta iniciativa encádrase no Programa municipal socioeducativo da Concellería de Servizos Sociais.

Nesta ocasión participaron de forma presencial 8 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro e, telematicamente, os alumnos e alumnas do Lamas de Abade, que expuxeron as súas inquedanzas sobre múltiples temas.

Iluminación
Ademais, o Concello de Santiago de Compostela súmase á iniciativa de Unicef e iluminará de azul o exterior do Pazo de Raxoi o vindeiro sábado, 20 de novembro.

Compartir: