POLITICAS SOCIAIS E SAÚDE

No Día Mundial contra o Cancro de Mama, a AECC alerta sobre a vulnerabilidade económica de moitas das mulleres que padecen a enfermidade

19/10/2021 Un gran lazo rosa cubriu hoxe parte da Praza do Obradoiro, nun acto acto conmemorativo do Día Mundial contra o Cancro de Mama que rematou coa lectura dun manifesto no que se reivindicou "a necesidade de sumar esforzos para superar con máis facilidade", ese duro percorrido. Un camiño que, en moitas ocasións, vese dificultado "pola vulnerabilidade económica e social, como consecuencia do incremento dos gastos, a reducción de ingresos ou a perda do posto de traballo".

No acto estivo presente o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, acompañado das edis Beatriz Cigarrán, do Grupo Popular; e de Goretti Sanmartín, voceira do BNG local. O manifesto leuno Begoña Rodríguez, vicepresidenta da xunta local de Santiago da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) organizadora do acto.

Begoña Rodríguez agradeceu, durante a lectura do manifesto, o apoio de todas as persoas implicadas na loita contra o cancro. E sinalou que desde a sede compostelá da AECC, situada na Avenida de Barcelona, "pretendemos responder ás posibles necesidades cun equipo de profesionais, asistentes sociais e psicólogos, así como con servizos tales como o préstamo de material ortoprotésico, perrucas, camas articuladas, guindastres e, na medida que os recursos o permitan, dar apoio á investigación".

Saca peito
Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama, que cada ano ten lugar o 19 de outubro, a AECC volve lanzar a campaña "Saca peito" e pon de manifesto que o cancro de mama fai máis vulnerables ás mulleres que desenvolven esta enfermidade. A asociación recorda que en só en 2020 foron diagnosticadas 33.835 mulleres. E que un estudo realizado desde a entidade, pon de manifesto que o 15% das que padecen esta enfermidade, están en situación de extrema vulnerabilidade económica e laboral.

Durante o ano 2020, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 23.000 mulleres con cancro de mama: 6.000 delas a través dos seus servizos gratuítos de atención social onde se inclúe orientación laboral, axudas económicas, asesoramentos legal ou préstamo de material ortoprotésico; máis de 10.000 nos seus servizos de atención psicolóxica; e o resto nos distintos programas que pon a disposición das persoas con cancro de balde, a organización.

Compartir: