EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música acolle esta tarde o espectáculo "Breve historia da música", que repasa 700 anos de historia desta disciplina artística

19/10/2021 O Auditorio da Escola Municipal de Música acolle, ás sete da tarde, o espectáculo ¨Breve historia da música clásica¨ a cargo de Fran Rei e Félix Rodríguez. Trátase dunha actividade destinada ao alumnado da Escola Municipal de Música que asiste, hoxe, ao ensaio do Coro e da Bandiña; unha representación que achega ao público a música culta a través do humor.

Fran Rei e Felix Rodríguez ofrecerán, a preto de 60 alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música, unha divertida conferencia-espectáculo sobre os últimos sete séculos da música, dende o Renacemento ata a música contemporánea, concentrados en 50 minutos.

"Breve historia da música clásica" é un repaso a máis de 700 anos de misas polifónicas, óperas, sonatas, sinfonías, fugas… Unha antoloxía dos mellores compositores, unha selección das pezas clásicas máis populares, e unha escolma dos termos e conceptos musicais segundo foron aparecendo. Máis tamén teñen o seu espazo as músicas e ritmos doutras latitudes, as compositoras (tantas veces esquecidas) e todas esas anécdotas que a historia oficial tende a obviar.

Sempre dende o humor e con música en directo para ilustrar a parola, o alumnado poderá coñecer, entre moitas outras cousas, en que consiste a escala temperada, cando e onde se estreou a primeira ópera, quen foi o primeiro director moderno de orquestra, que son os adornos e as notacións musicais, quén compón o dream team dos compositores clásicos; ou diversas curiosidades sobre Beethoven, Mozart, Bach, Brams ou Wagner.

Compartir: