EDUCACIÓN E MOBILIDADE

RACE e Nacións Unidas poñen en marcha en Santiago o proxecto se seguridade viaria "Xuntos, o camiño máis seguro"

19/10/2021 O Campus Sur acollerá do 19 ao 21 de outubro a campaña de formación e concienciación sobre seguridade viaria no camiño "Xuntos, o camiño máis seguro", que levan a cabo RACE e Nacións Unidas da man do Concello de Santiago. O acto de presentación tivo lugar no Pazo de Raxoi e contou coa participación do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; de Miguel Arias Cañete, presidente de honra da Fundación RACE; de Álex Mejía, director de UNITAR (Instituto de Nacións Unidas para a Formación e a Investigación) e da Rede Global CIFAL; da delegada da DXT en Galicia, Victoria Gómez Dobarro; dos patrocinadores Hyundai e Santalucía; e dos concelleiros de Educación, Rubén Prol, e de Mobilidade, Gonzalo Muiños.

Nos últimos anos o Real Automóbil Club de España (RACE) e o Concello de Santiago, a través de accións de mellora da educación e a seguridade viaria. Como continuidade desta colaboración levarase a cabo unha nova acción promovida por RACE e Nacións Unidas centrada, nesta ocasión, no Camiño de Santiago. Unha actividade que se desenvolverá cunha unidade itinerante entre o 19 de outubro e o 4 de novembro en seis diferentes cidades polas que pasa esta ruta centenaria: Santiago, Sarria, Ponferrada, León, Burgos e Logroño.

O principal obxectivo desta acción itinerante é fomentar entre os peregrinos e entre a cidadanía destas localidades comportamentos viarios seguros e responsables para a mellora da mobilidade e a prevención dos accidentes de tráfico, con actividades de formación e concienciación.

"A través dos diferentes camiños que chegan a Santiago os peregrinos desprázanse na súa gran maioría a pé pero tamén existen outras opción, como por exemplo a bicicleta, a cabalo, a vela, en silla de rodas...a mobilidade eé, polo tanto, un aspecto importante a ter en conta no traxecto, así como a súa xestión. Manter unha seguridade viaria axeitada debe ser unha prioridade para todas as entidades implicadas", indicou o alcalde.

O presidente da Fundación RACE abundou que se trata dun aspecto que non afecta soamete aos peregrinos senón tamén a todas as poboacións polas que transcorre o Camiño, polo impacto que supón o uso do espazo e que afecta de forma directa ou indirecta aá seguridade viaria do entorno, aspecto no que tamén incidiu a coordinadora da DXT en Galicia.

A campaña
Co fin de facer máis segura a mobilidade de todos os usuarios, CIFAL Madrid RACE propón unha acción de divulgación e concienciación in situ chegando de forma directa tanto aos peregrinos como aos habitantes das cidades, distribuíndo información, impartindo formación e creando conciencia para que os desprazamentos sexan máis seguros e sostibles desde un enfoque de protección ao medio ambiente e a saúde.

O proxecto arranca o día 19 coa súa presentación e a instalación da unidade móbil na praza do Obradoiro. Os días 20 e 21 de outubro o emprazamento será no Campus Vida (entre o estanque e a avenida da Coruña). As actividades desenvolveranse tanto no interior como no exterior do camión.

O espazo estará dividido en varias áreas donde en función da programación e dos colectivos participantes se realizarán as diferentes accións:

A) Seguridade viaria

A.1. Un Oasis no Camiño
Nas localidades anteriores á ubicación da unidade móbil desprazarase un vehículo eléctrico, que se situará nas zonas de paso seguras de peregrinos. Un monitor/a distribuirá auga, froita einformación sobre a actividade que se está desenvolvendo na localidade fin de etapa. Farase entrega dun folleto con consellos de seguridade viaria para o Camiño de Santiago.

A.2. Seguridade Viaria Senior.
Destinatarios: grupos de persoas maiores, centros de maiores, asociacións e colectivos interesados.
Tipo de actividade: sesión dinámica de seguridade viaria e mobilidade na que se abordarán temas como os novos retos de mobilidade e como afectan ás persoas maiores ou como mellorar a convivencia na cidade.

A.3. Utilización dos Sistemas de Retención infantil (SRI)
A través desta actividade amosaranse os aspectos máis importantes a ter en conta para realizar os desprazamentos con seguridade. Terase en conta especialmente ao colectivo senior, xa que moitas persoas maiores se encargan de levar os seus netos en coche. Un monitor/a especializado/a realizará demostracións prácticas no vehículo.

A.4. O vehículo ecolóxico
Instalación e exposición dun vehículo ecolóxico en zona anexa.
Explicación das características do vehículo, tanto a nivel enerxético, respecto ao medio ambiente e á seguridade.

B) Medio Ambiente

B.1. Coidemos o entorno
A través de dous paneis recóllense diferentes aspectos relacionados con cada un dos ODS (12 e 15). O usuario vai pasando diferentes pantallas nas que van aparecendo diferentes situacións facendo fincapé naquelas que poden ser aplicadas no Camiño

B.2.- Reciclaxe.
Mediante diferentes dinámicas de participación e talleres, realízanse actividades para concienciar sobre a importancia do proceso de reciclaxe dos envases que utilizamos.

C) Saúde

C.1. Cóidate
Instalación dun panel informativo acerca dos principais aspectos a ter en conta para manter unha aúde axeitada no traxecto do Camiño de Santiago.

D) O xogo dos ODS

O participante xira a ruleta na que se atopan 17 situacións, nas cales se describe unha forma de actuar. Cada forma de actuar vai acorde con cada un dos ODS. As persoas participantes debe relacionar a situación co ODS correspondente. Trátase dun xogo conector xigante.

Centros escolares e entidades senior participantes no programa de actividades
O mércores 20 participarán nas actividades os membros de ATEGAL (Asociación cultural Galega de Formación Permanente de Adultos ou Aulas Senior de Galicia) e o IV Ciclo da USC (programa universitario de Maiores da Universidade de Santiago para alumnado maior de 50 anos). O día 21 será o turno dos alumnos dos CEIP Pío XII e Raíña Fabiola (150 alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria).

Colaboración co Concello
RACE vén colaborando dende hai anos co Concello de Santiago en programas de concienciación sobre a seguridade viaria. Exemplos destas accións son os programas de prevención de accidentes de tráfico para educación primaria, o programa "FormaT" para alumnado de educación secundaria, a campaña "Non sexas pillo" para mellorar a protección no vehículo nos nenos e nenas de educación infantil ou os programas de seguridade viaria para persoas maiores "Mobilidade senior, o camiño de todos". Todas estas accións realizadas conxuntamente tiveron un gran número de participantes. No ano 2015 o departamento municipal de Educación recibiu o premio nacional pola súa traxectoria no fomento da educación e a seguridade viaria.

Compartir: