OBRAS

Comezan os traballos de acondicionamento da avenida de Asturias, que teñen como principal obxectivo a mellora da seguridade vial

14/10/2021 O concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, informou hoxe dos traballos que se están desenvolvendo na Avenida de Asturias, que comezaron coa rexeneración do pavimento. O principal obxectivo desta obra é mellorar a seguridade vial, tanto para vehículos como para peóns, xa que tamén se acometerá a reparación das beiravías, crearanse beirarrúas na contorna da Avenida do Cruceiro da Coruña, e mellorarase a senda paralela á calzada destinada a uso peonil.

A actuación da Avda.de Asturias conta cun orzamento de 517.204,47 euros de licitación e foi adxudicada por importe de 338.214,00 euros. O prazo de execución é de 4 meses.

Segundo explicou o concelleiro, este mércores iniciáronse os traballos de rexeneración do pavimento de calzada da Avenida de Asturias que, en principio, quedará cortada ao tráfico, se todo sae segundo o previsto, ata o luns. Os viais de servizo permanecerán abertos, polo que poderán ser utilizados polos condutores como unha alternativa de tránsito.

Os traballos, segundo sinalou Javier Fernández consisten na renovación e mellora do firme, na actualidade moi deteriorado; o fresado do aglomerado en mal estado, coa retirada de materiais extraídos; e o estendido da sección de firme de 10 centímetros de capa de mestura bituminosa en quente (5 centímetros de firme repondo o fresado e outros 5 centímetros de recrecido). Nas zonas onde o firme existente se atopa en bo estado, o recrecido é de só 5 centímetros.

Os traballos non se limitan só á rexeneración do pavimento. De xeito paralelo, indicou o concelleiro, "e na liña establecida pola DXT (Dirección Xeral de Tráfico) e a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) respecto dos novos limites de velocidade establecidos para vias urbanas, realizaranse axustes nos anchos de viais de calzada. Pasarán de 3,50 a 3,25 metros, con obxecto de diminuír a velocidade dos vehículos; e aumentar así, a seguridade viaria neste tramo", subliñou.

Así mesmo, engadiu, "e na mesma liña de mellora da seguridade viaria, procederase á reparación de beiravías e á incorporación de sinalización horizontal e vertical indicativa de zona, destinada á circulación de bicicletas".

A actuación complementase coa mellora da accesibilidade e creación de beirarrúas na contorna da Avda do Cruceiro da Coruña, dando continuidade á circulación peonil, ademais da reparación da senda paralela á calzada destinada a peóns. Tamén inclúe, continuou Javier Fernández, "a restitución da sinalización vertical, semáforos, resaltos de freado e demais elementos da vía afectados pola rexeneración do firme".

Unha obra, a da Avenidade de Asturias, "moi demandada pola veciñanza da cidade, especialmente a que utiliza este ramal, que son sobre todo, os veciños e veciñas de Meixonfrío, Mallou, Amio e As Cancelas", indicou.

Documentos relacionados



Compartir: