MEDIO AMBIENTE

O Concello intensifica o plan de limpeza da rede de sumidoiros de Santiago para previr incidencias na época de choivas

09/10/2021 O Concello de Santiago e a concesionaria Viaqua van intensificar o plan de limpeza da rede de sumidoiros da cidade co obxectivo de extraer o lixo, follas e papeis que se acumulan dentro, e que dificultan a recollida de auga, podendo chegar a producir inundacións nas rúas.

Aínda que a limpeza de sumidoiros se leva a cabo durante todo o ano, refórzase agora o plan de actuacións. A finalidade é preparar a rede de sumidoiros de Santiago, formada por 647 quilómetros, ante a chegada do outono e a época de choivas intensas, co fin de previr problemas de inundacións nas rúas.

Este programa consiste nun avanzado sistema de xestión que inclúe tanto a frecuencia de inspección como a limpeza a fondo das canalizacións e da rede de augas pluviais, facendo fincapé nos puntos conflitivos. Por exemplo, para localizar posibles obstrucións de sucidade, follas e papeis, entre outros residuos, utilízanse cámaras de televisión.

Doutra banda, estanse a despregar brigadas de operarios, camións e máquinas coa intención de asegurar que os elementos do sistema na rede de sumidoiros se atopen ao máximo da súa capacidade hidráulica, para evacuar, con garantías, as augas pluviais.

As tarefas de limpeza realízanse en horario nocturno nas zonas máis céntricas, para non entorpecer o tráfico rodado nin a actividade da cidade durante o día. Ata finais de ano limparanse máis de 8.000 sumidoiros en todo o municipio.

Así mesmo, para manter en correcto estado a rede é imprescindible a colaboración cidadá, polo que se aconsella non lanzar á rede de pluviais produtos como cabichas, lixivia, xabóns ou pintura, xa que acaban directamente nos leitos fluviais.

Compartir: