TURISMO

Santiago participa na primeira convención de Turespaña para acelerar a recuperación do turismo internacional

07/10/2021 Turismo de Santiago reuniuse, entre outras, coas Oficinas Españolas de Turismo en EEUU, Alemaña, Xapón, Reino Unido, Francia, Austria e Suiza.

Turismo de Santiago participou na primeira convención organizada por Turespaña dirixida principalmente aos xestores dos destinos turísticos españois, co obxectivo de intercambiar boas prácticas de xestión e marketing turístico e propiciar unha maior coordinación da acción de promoción internacional de España e os seus destinos.

A entidade de promoción municipal aproveitou a convención para reunirse con representantes das Oficinas Españolas de Turismo nos mercados internacionais máis importantes para a cidade, co obxectivo de acelerar a recuperación do turismo internacional cara a cidade.

En concreto, mantivéronse reunións con responsables das Oficinas Españolas de Turismo dos principais mercados turísticos para a cidade, como Alemaña, EEUU, Francia, Reino Unido e Xapón, e tamén con mercados con grandes posibilidade como o mercado Suizo e o Austríaco.

Esta primeira edición, que se celebrou en Sevilla do catro ao seis de outubro, tivo como título "O Futuro é hoxe: Destinos españois chamando ao viaxeiro sostible". Centrouse na definición de estratexias para captar ao novo tipo de turista concienciado coa sostibilidade e un usuario activo das Novas Tecnoloxías.

A convención de Turespaña pretende ser un foro de reflexión e comunicación no que os xestores turísticos dos destinos españois e as empresas do sector turístico podan compartir experiencias relevantes de promoción para a recuperación do sector turístico.

Compartir: