ACCIÓN CULTURAL

O ciclo de concertos e parolas "Flor Nova do Romanceiro Ibérico" arranca mañá nas parroquias rurais de Compostela

07/10/2021 O II ciclo Flor Nova do Romanceiro Ibérico traerá esta manifestación literaria de carácter oral, transmitida desde finais da Idade Media atA os nosos días, ás parroquias rurais de Compostela, poñendo en valor o seu patrimonio. O programa desenvolverase os días 8, 9, 15 e 16 de outubro, e abrangue concertos, parolas e vídeos de divulgación para todos os públicos.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e a directora do programa, Belén Bermejo, de Sirgo Torcendo, presentaron hoxe este conxunto de actividades que arrancarán mañá, venres 8 de outubro, ás 18.30 h na igrexa de San Paio de Sabugueira (Lavacolla), cos cantares de Francisco de Romualdo, quen interpretará "romances novos" lembrando as persoas invidentes que os transmitiron. Deseguido, Miro Casabella, baixo o título "Cantor da liberdade", abordará os romanceiros galegos de tradición oral e de nova creación desde a esencia da interpretación popular.

O sábado día 9 a Igrexa de Santo André de Barciela (Sigüeiro) acollerá ás 20.00 h o concerto de Grupo 1500, referente no eido ibérico de interpretacións informadas de música antiga. "Contar cantando" incluirá unha parola de Andrés Díaz, fundador desta formación e especialista en instrumentos de música antiga, na que levará ao público en forma de narración a necesidade de contar historias de xeito versificado e probablemente cantado.

A semana seguinte, o venres 15 ás 20.00 h, a mesma igrexa de Santo André será o escenario privilexiado do concerto de Diana Baroni e Rafael Guel. En "Tonos e Romances", a intérprete arxentina, especialista na recepción do romance no Novo Mundo, propón unha narración na que recrea o ambiente popular e ecléctico da época colonial en América Latina, no que se instala e desenvolve o Romanceiro Ibérico en constante diálogo coas tradicións mestizas.

A programación presencial fechará o sábado 16 ás 19.00 h, na Igrexa de Santa María de Villestro (Lugar tras Igrexa), coa actuación de Alba María & Queco Díaz. En "é Romance" propoñen varios temas con base no romanceiro tradicional galego, así como outros romances compostos por eles e mesmo algúns improvisados. A isto súmase unha parola de José Luis Forneiro, membro da Fundación Ramón Menéndez Pidal e máximo coñecedor do romance panhispánico en Galicia, arredor do patrimonio romancístico de Compostela.

"A cultura galega débelle moitísimo a tradición oral. Sen esa tradición, que pasou de pais a fillos, dos avós; e sobre todo das avoas; aos netos e netas, o noso patrimonio literario e musical sería distinto, e moito menos rico", lembrou a concelleira que engadiu que para o Concello é unha obriga recuperala "porque con ela recuperamos a nosa historia, a nosa identidade como pobo. E tamén é un deber difundila entre as novas xeracións. Por iso, para o Concello de Santiago, é unha satisfacción poder colaborar neste proxecto co que tamén cumprimos outro gran obxectivo da concellaría: descentralizar a cultura. Que as distintas accións culturais que programos estean presentes tamén nos nosos barrios e nas nosas parroquias".

Esta segunda edición de Flor Nova do Romanceiro Ibérico é unha produción de Sirgo Torcendo, financiada polo Concello de Santiago de Compostela. O programa conta ademais coa colaboración das parroquias de San Andrés de Barciela, Santa María de Villestro e San Paio da Sabugueira; así como da Asociación do Patrimonio dos Ancares, da Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e de aCentral Folque.

Entradas
Os concertos son de balde, mais a reserva farase a través da web de aCentral Folque, ata 12 horas antes do evento e cun máximo de dúas entradas. As portas de cada espazo abrirán ao público 30 minutos antes. As actividades terán un aforamento limitado e controlado seguindo as normas de distancia e hixiene aplicables no momento de celebración.

Programación dixital
Alén da programación presencial, Flor Nova contará cunha serie de cinco vídeos divulgativos dirixidos a todos os públicos, que se emitirán ao longo do mes de outubro. Alba María será a encargada de conducir estas conversas, nas que participarán Andrés Díaz, Diana Baroni, José Luís Forneiro e Xabier Moure, estudoso este último do patrimonio e da historia da comarca dos Ancares. Ademais, a propia Alba María realizará un vídeo-obradoiro sobre o romanceiro, unha acción normalizadora que achegará as claves para que calquera persoa, especialmente a mocidade, poida construír o seu romance.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: