COMERCIO

Volven esta fin de semana as actividades de dinamización comercial dentro da campaña #Eumercoaquí

06/10/2021 O venres 8 e o sábado 9 volven as actividades de dinamización comercial ás rúas de Compostela dentro da campaña #Eumercoaquí para celebrar o comezo da temporada de compras de outono.

O mal tempo impediu a súa celebración a fin de semana pasada, pero as actividades volven este venres e sábado, no marco das actuacións postas en marcha polo Concello de Santiago a través do departamento de Comercio.

A dinamización comercial comezou en xuño coa celebración da festa do comercio Prima21 e, debido á súa boa acollida, estendeuse ás primeiras fins de semana de setembro a decembro. Nesta ocasión, a cidadanía poderá desfrutar de obradoiros variados e música en directo en varias localizacións.

OBRADOIRO DE RECICLAXE: DE PARAUGAS A BOLSA
Praza de Cervantes: VENRES 08 DE OUTUBRO - 17:30h a 20h
Praza Roxa: SÁBADO 09 DE OUTUBRO - 12:30h a 14h e de 17:30h a 20h

Obradoiro de reciclaxe téxtil con tela de paraugas no que as persoas participantes aprenderán a reciclar os paraugas vellos que traian da casa transformándoos en bolsas reutilizables para ir á compra. Como complemento á actividade entregaranse uns flyers co titorial para repetir a experiencia co resto de paraugas rotos que nos deixen as chuvias de outono.

A cativada menor de 10 anos deberá estar acompañada durante o obradoiro por unha persoa titora. Esta actividade está suxeita ás limitacións de aforamento e estará impartida por Claudia Maín e Patricia Núñez de O Faiado de Nin.

CARRIÑO DE FLOCOS DE MILLO: QUE RICO SABE O OUTONO!
Praza de Cervantes VENRES 08 DE OUTUBRO - 17:30h a 20h
Praza Roxa: SÁBADO 09 DE OUTUBRO - 12:30h a 14h e de 17:30h a 20h

As persoas que acheguen o tícket da última compra realizada na cidade levarán como agasallo uns deliciosos flocos de millo para desfrutar mentres se continúa a mirar os escaparates de outono do comercio local.

SESIÓN DJ: MÚSICA PARA CELEBRAR A CHEGADA DA TEMPADA DE COMPRAS!
Praza Roxa: VENRES 08 DE OUTUBRO - 17:30h a 20h
Praza de Cervantes: SÁBADO 09 DE OUTUBRO - 12:30h a 14h e de 17:30h a 20h

#Eumercoaquí ponlle banda sonora aos días de compras en Santiago coa música de Jesús Rodríguez - DJ Daasanach para celebrar o comezo da tempada de outono. Tras máis dunha década de incursións en diversos xéneros músicais e afeccionado dende hai uns anos ao surco dos cinco continentes, o
ecléctico estilo de DJ Daasanach oscila entre un afrobeat excéntrico, inspirado polofunk do oeste africano dos 70, e un jazz fusión caribeño, con influencias da cumbia e boogaloo. Ritmos do mundo para dar a benvida ao outono.

PROBADOR FOTOMATÓN
Praza Roxa: VENRES 08 DE OUTUBRO - 17:30h a 20h
Praza de Cervantes: SÁBADO 09 DE OUTUBRO - 12:30h a 14h e de 17:30h a 20h

Click clack! Ensinando os tíckets das últimas compras en Santiago, poderase levar como agasallo unhas divertidas fotos no probador fotomatón.

COMANDO #EUMERCOAQUÍ INTERVÉN NOS ESCAPARATES DOS NOSOS COMERCIOS
VENRES 08 DE OUTUBRO - 17:30h a 20h
SÁBADO 09 DE OUTUBRO - 12:30h a 14 e de 17:30h a 20h

Unha brigada composta polas ilustradoras Iris Branco e Iria Cabaleiro debuxarán motivos de outono nos escaparates dalgúns comercios da cidade para enchelos de vida no comezo da tempada. Son rápidas pero deixan pegada, seredes quen de seguir o seu rastro polos comercios de Santiago?

Bonos aparcamento e Bonos Corazón Compostela
Ademais das actividades de dinamización comercial, o Concello ten en marcha dúas campañas para a promoción do comercio local. En primeiro lugar, os Bonos Corazón Compostela, una iniciativa que ten por obxectivo incentivar a actividade económica mediante o cofinanciamento de bonos para o consumo no comercio e na hostalería local. En total, puxéronse en circulación 20.000 bonos de 75 euros, 45 achegados pola persoa solicitante (o 60%) e 30, polo Concello (o 40%). Cada cliente poderá solicitar un único bono, que terá validez ata o 10 de decembro. O seu importe irase consumindo nas compras en bens e servizos nos establecementos adheridos ao programa, ata o esgotamento do saldo.

Tamén se poden solicitar nos establecementos comerciais os bonos aparcamento, iniciativa que financia o Concello con 100.000 euros e que xestionan as asociacións de comerciantes da cidade. Quen precise un vale só ten que pedilo ao efectuar a compra no comercio local.

Compartir: